– A UNESCO premia o feito de que a Deputación abrise á participación de Concellos e da cidadanía a toma de decisión sobre a xestión de Terras do Miño, pois “isto axuda a garantir o funcionamento activo da Reserva da Biosfera”
– A Vicepresidenta Segunda explica que o organismo provincial cumpriu con todos os requisitos fixados pola UNESCO para revalidar esta distinción: contar cunha zonificación axeitada, crear Órganos de Xestión e impulsar un plan de acción.
– Lugo é a única provincia de España na que máis do 55% do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO, un valor engadido que a Deputación aproveita para xerar riqueza e emprego, e combater a sangría demográfica.
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez López, avanzou este luns, durante a reunión dos Órganos Reitor e de Participación de Terras do Miño, que a Deputación acadou a renovación da declaración de Reserva da Biosfera para dito espazo natural. Méndez destacou que “a UNESCO vén de ratificar o compromiso deste Goberno Provincial co desenvolvemento sostible e a conservación de Terras do Miño. É un día importante para a provincia, posto que a renovación deste distintivo contribúe á xeración de riqueza e emprego en Lugo”.
A Vicepresidente explicou que o organismo provincial cumpriu con todos os requisitos que determina a UNESCO para renovar a declaración de Reserva da Biosfera. Estes son:
Contar cun proxecto de zonificación. Terras do Miño tiña definido este territorio con data 2012, cando a UNESCO declarou este espazo como Reserva da Biosfera. Pola contra, a ampliación da Rede Natura requiriu a súa actualización. Xa no 2012, a Deputación contou coa colaboración de expertos da Universidade de Santiago de Compostela para catalogar os espazos que integran Terras do Miño. Determináronse 3 zonas: zona núcleo, a integrada por espazos protexidos; a zona tampón, que protexe á zona núcleo; e zona de transición, a de realización de actividades para o desenvolvemento socioeconómico deste espazo.
Creación dos Órganos de Xestión. A Deputación de Lugo converteuse, no 2011, nunha das primeiras administracións en Galicia que constituíu os Órganos de Xestión das Reservas da Biosfera, abríndoos, por primeira vez, á participación dos Concellos e da cidadanía para que formen parte na toma de decisións sobre as accións de conservación e desenvolvemento. Deste xeito, forman parte do Órgano de Participación representantes municipais dos 26 Concellos que integran Terras do Miño e dos tres grupos políticos provinciais (PSOE, BNG e PP), así como das seguintes 13 organizacións agrarias, de monte en man común, ecoloxistas, de turismo rural, de defensa do patrimonio…, que se amosaron moi receptivos á hora de tomar parte na xestión da Reserva: Asociación Revolta Natural de Cospeito; Tecor de Caza Riotorto; Asociación Medioambiental de Riotorto; Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN); Asociación Terras de Lugo; Agrupación de Asociacións de Veciños de Lugo (AGRUPALUGO); Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA); Sindicato Labrego Galego (SLG); as Comunidades de Montes en Man Común de Amorín e Carqueixas (Pol), de Santo Estevo de Parga (Guitiriz) e de San Xulián de Roca (Guitiriz); xunta local da Asociación Española contra o Cancro de Guitiriz, e Asociación Cultural e Medioambiental dos Veciños de San Xulián de Becín, tamén no Concello guitiricense. Por outra banda, o Consello Reitor está composto por representantes dos 3 grupos políticos provinciais na Deputación, do Ministerio de Medio Ambiente e da Xunta de Galicia.
Impulsar un plan de acción. No 2012, a Deputación aprobou por unanimidade nos Órganos de Xestión un plan de acción para Terras do Miño por valor de 4 millóns de euros a desenvolver en 10 anos. Este documento marca as liñas estratéxicas de conservación e desenvolvemento deste espazo natural protexido. Contempla liñas de actuación para a conservación do patrimonio, dotación de servizos e creación de emprego nos 26 Concellos da zona.
Conclusións UNESCO
No Consello Internacional de Coordinación do Programa Mab da UNESCO, celebrado en Suecia entre os días 10 e 13 de xuño, aprobáronse os informes de avaliación decenal correspondentes a 8 Reservas da Biosfera de España, entre elas, a de Terras do Miño. A conclusión do Consello foi que “a Reserva da Biosfera ten varias categorías de áreas protexidas, como a Rede Natura 2000, e outras figuras rexionais, que garanten a protección das zonas núcleo. Dende 2011, a súa estrutura de xestión e o plan de acción desenvolvéronse en consulta coas comunidades locais; isto axuda a garantir o funcionamento activo da Reserva da Biosfera”. O Consello tamén tivo en conta a peculiaridade do sistema de zonificación, que é complementario coa cordilleira Cantábrica. O Consello concluíu que esta Reserva da Biosfera reúne os criterios do Marco Estatutario da Rede Mundial de Reservas de la Biosfera.
Reserva da Biosfera da provincia
Lugo é a única provincia de España na que máis do 55% do seu territorio está declarado Reserva da Biosfera pola UNESCO, un valor engadido que a Deputación aproveita dadas as oportunidades económicas e de creación de emprego que ofrece, pero tamén polo amplo abano de posibilidades que abre para atallar un dos grandes problemas que afronta a provincia: o despoboamento demográfico. A provincia lucense concentra a maioría das Reservas da Biosfera en Galicia, ó contar con 3 dos 5 espazos naturais que a UNESCO declarou na Comunidade Autónoma: Terras do Miño, Os Ancares e Tío Eo-Oscos-Terras de Burón. A Reserva da Biosfera Terras do Miño foi a primeira que a UNESCO declarou en Galicia, no ano 2002, e é a máis grande da comunidade autónoma e a segunda de toda a Península Ibérica. A Reserva ocupa 363.668 hectáreas, o que supón o 39% do territorio da provincia. Neste espazo natural están incluídos 26 Concellos da Cunca Alta do Miño, pertencentes á súa vez a 7 comarcas lucenses: Ourol; O Valadouro; Muras; Alfoz; Mondoñedo; Abadín; Xermade; Vilalba; A Pastoriza; Riotorto; Guitiriz; Cospeito; Meira; Begonte; Rábade; Castro de Rei; Outeiro de Rei; Pol; Lugo; Friol; Castroverde; Guntín; O Corgo; Baralla, O Páramo e Láncara.