– O CITM acolle o primeiro dos seis seminarios programados no II Campus de emprendemento sostible, que leva por nome Campus de motivación e xeración de ideas
-As seguintes edicións deste seminario celebraranse entre os días 7 e 10 de xullo en Cervantes e novamente no Centro de Interpretación entre os días 14 e 17 de xullo
– Os interesados en participar nestes obradoiros poderanse inscribir na web da Deputación, www.deputacionlugo.org, ou ben chamando ó 982 227 812
Arrinca a formación gratuíta do II Campus de Emprendemento sostible no Centro de Interpretación Terras do Miño
A Deputación vén de poñer en marcha o II Campus de Emprendemento Sostible, co seminario Campus de motivación e xeración de ideas, que arrincou hoxe no Centro de Interpretación Terras do Miño e que continuará ata o vindeiro día 26 de xuño, entre as 10:00 e as 14:00 horas. O organismo provincial organiza estas accións formativas de xeito gratuíto para todas aquelas persoas que estean interesadas en emprender e poñer en marcha novos negocios nos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares lucenses, con especial atención ó rural destes municipios.
O seminario Campus de motivación e xeración de ideas está dirixido a aquelas persoas que estean a valorar a posibilidade de emprender. Nesta primeira fase, os participantes coñecerán a viabilidade dos seus proxectos e recibirán asesoramento técnico, económico, comercial ou medio ambiental para a súa posta en marcha. Explicaranse os principais elementos a ter en conta á hora de crear unha empresa, así como os instrumentos que contribúen a unha boa idea empresarial, como identificar as oportunidades de negocio.
Estas accións formativas gratuítas son unha mostra da aposta da Deputación pola cultura emprendedora e a creación de postos de traballo para combater o despoboamento demográfico.
Últimas prazas
O II Campus de Emprendemento Sostible desenvolverase tanto en Lugo como en Cervantes. Os interesados no curso que se celebrará no Concello de Cervantes, para os emprendedores da zona dos Ancares, entre o 7 e o 10 de xullo, en horario de 16:00 a 20:00 horas, ou os que desexen participar no que se levará a cabo no Centro de Interpretación Terras do Miño, entre os días 14 e 17 de xullo, de 16:00 a 20:00 horas, aínda poden facer a súa solicitude de inscrición a través da web da Deputación, www.deputacionlugo.com, ou chamando ó 982 227 812.