– O Hotel Vila do Val acollerá este luns unha xornada, á que asistirá o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación e o Alcalde do Valadouro, e na que os participantes aprenderán a elaborar tosta, pito de curral recheo e freixós con mel
– A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do programa Lug02, pretende mostralles aos asistentes, a través de xornadas gratuítas de cociña, “o potencial turístico da cociña de proximidade”.
O Showcooking Cociña Autóctona da Deputación de Lugo continúa a súa andadura en Ferreira do Valadouro, tras o seu paso pola Fonsagrada, Monforte de Lemos e Cervantes, para potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia luguesa, ao tempo que favorece o desenvolvemento do turismo gastronómico.
Esta quinta xornada do Showcooking terá lugar no Hotel Vila do Val, un hotel rústico que abriu as súas portas tras a restauración de tres casas decimonónicas, convertíndose nun aloxamento con encanto, situado en plena Serra do Xistral. A chef María Jesús, cunha ampla experiencia, elaborará varias receitas in situ de cociña tradicional, empregando para elo produtos autóctonos e sabores da Terra Chá e da Mariña.
Durante esta clase maxistral, os asistentes aprenderán a preparar pratos con alimentos producidos e comercializados por empresas da zona, que se caracterizan pola súa calidade. Neste caso, Embutidos Hermelino e Mel O Trobo subministrarán os produtos necesarios para a preparación dos pratos. Trátase de dúas empresas que contan coa marca de calidade da Deputación LugoSabe e que venden na plataforma de comercio electrónico creada tamén polo organismo provincial, www.losproductosdelugo.com O menú que cociñarán inclúe, de primeiro plato, tosta de Samaín, un segundo con pito de curral recheo; e freixós con mel do Valadouro de sobremesa. Ao rematar, os participantes degustarán os produtos elaborados.
O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, e o Alcalde do Valadouro, Edmundo Maseda, participaron neste obradoiro, que pretende amosarlle aos asitentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo.
A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se trata de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a súa calidade e a exclusividade en cada zona para impulsar o sector. O vindeiro mércores, 11 de febreiro, o Showcooking Cociña Autóctona desprazarase a Baamonde, á Taberna do Labrego, onde se empregarán, ao igual que o resto das xornadas, produtos autóctonos. Estas obradoiros de cociña gratuítos continuarán durante todo este mes de febreiro.
Lugo, 9 de febreiro de 2015