O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, compartiron este venres con ciclistas de todas as idades a primeira xornada de funcionamento do carril para bicicletas no Paseo do Río Rato, na contorna do Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, unha nova dotación de lecer e deportiva de 2,5 quilómetros de lonxitude na que a institución provincial investiu máis de 500.000€.
A apertura deste servizo fíxose efectiva coa sinatura da acta de recepción da obra que realizaron técnicos da institución provincial e do Concello. No acto, que tivo lugar no quilómetro cero do carril, tamén participou o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, e o Concelleiro de Medio Rural e Deportes de Lugo, Miguel Fernández.
O carril para bicicletas ten 2,5 quilómetros en total, dende o cruzamento das estradas LU-530 e LU-P-2923 ata Tolda de Castela. Consta dunha tarima de 2,5 metros de ancho e ao longo de todo o percorrido está habilitado un pasamáns de seguridade de madeira de 90 centímetros.
O Presidente da Deputación subliñou que, tras a dotación de iluminación pública ao Paseo do Rato, un proxecto que tamén asumiu a institución provincial, o carril bici “engade valor e amplía as posibilidades de ocio e deporte que ofrece este espazo público tan concorrido pola veciñanza da cidade e tamén do resto da provincia”. Ademais, engadiu, “as bicicletas son convivencia, saúde e respecto polo medio ambiente, uns valores que promovemos firmemente dende a Deputación de Lugo”. “Fomentar o uso da bicicleta, apostar por novas fórmulas de mobilidade, incentivar o respecto entre ciclistas e peóns son xeitos de facer cidade e de facer provincia”, destacou.
José Tomé lembrou que os meses de confinamento “fixeron que valorásemos aínda máis a necesidade do exercicio e da compañía dos nosos veciños e veciñas agora que podemos desfrutar de novo do espazo público, sempre cumprindo coas recomendacións das autoridades sanitarias, é un bo momento para aproveitar as novas posibilidades de ocio que ofrece este carril bici no parque do Rato”.
O mandatario provincial evidenciou que este é un importante investimento que simboliza “o compromiso da institución provincial co público, co reforzo dos servizos públicos e coa posta en valor dos espazos públicos para o desfrute dos veciños e veciñas”.
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou que “estes dous quilómetros van a ter continuidade nos 14 quilómetros de senda verde ciclista urbana que comezaremos a executar dende o Concello despois do verán. Estamos dando grandes pasos cos que estamos a transformar o modelo de mobilidade da cidade, menos contaminante e máis respectuosa co medio ambiente, avanzando cara un modelo de cidade máis ecolóxica e sostible”.
A Alcaldesa agradeceu a colaboración da Deputación “deixando a súa impronta neste novo modelo de cidade, dando exemplo de sinerxías nas que as administracións camiñamos cara un fin común”.
Lara Méndez lembrou que os vindeiros 14 quilómetros de carril bici permitirán unir a trama urbana da cidade co río gañando máis espazos para as persoas, ao tempo que percorrerá 8 barrios da zona DUSI: Paseo do Miño, Parque Rosalía, Ronda do Carme, Fonte dos Ranchos, Lamas de Prado, Abella, A Residencia e Camiño Real. Ademais, combinará carrís segregados de tráfico nas rúas con maior ancho con viarios de coexistencia, onde a velocidade máxima dos vehículos se reducirá ao 20%”.
No acto de apertura do carril bici participaron ciclistas pertencentes a clubs da cidade de Lugo, quen foron os primeiros que pisaron coas súas bicicletas este novo itinerario adaptado para este tipo de vehículos. Deputación e Concello entregáronlles un obsequio institucional.
Características das obras
As obras do carril bici do Rato comezaron co acondicionamento do terreo para poder trazar o percorrido. Realizouse unha drenaxe transversal e elaboráronse catro pasarelas pilotadas con madeira aserrada. Para a pavimentación empregouse zahorra artificial e colocáronse bordos rectos de formigón para a función de encofrado perdido.
O carril está dotado cun revestimento de protección de pavimento sobre o formigón de 2 a 3 milímetros de espesor, cun acabado rugoso con resistencia ao esvaramento. Todo o carril conta cun pintado de marcas reflexivas brancas.
Ademais, todo o espazo polo que transcorre está dotado con paneis informativos, soportes aparca-bicicletas, bancos de madeira, papeleiras e sinalización vertical. Realizáronse tamén traballos de xardinería e de tratamento da paisaxe, ao plantarse diversas especies autóctonas.
Iluminación do Río Rato
Deputación e Concello dotaron ao Paseo do Río Rato e a estrada LU-P-2925 dun sistema de iluminación, que contou cun investimento de 750.000 euros. Actuouse nun treito de 7 quilómetros, entre a Avenida de Madrid e o parque do Sagrado Corazón, no que se situaron 283 puntos de luz ecolóxicos (LED). Son 103 luminarias na estrada e 147 no paseo fluvial, dos que 3 son proxectores para o túnel que hai debaixo da rotonda que comunica con dito parque.
Tamén para reducir o impacto ambiental, hai 252 farolas de color neutro.Hai un sistema informáticopara regular a intensidade luminosa, aforrar custos ao poder adaptar a luz ás condicións climatolóxicas, e garantir a luminosidade.
Máis melloras na zona
Este proxecto conlevou máis medidas de seguridade na estrada LU-P-2925, pois, xunto aos 103 puntos de luz que se instalaron no vial, tamén se situaron 1.466 metros de biondas de seguridade. O Goberno da Deputación aplicou neste vial slurry, un material adherente e antiesvarante, que se pon nas autovías, que impermeabiliza o firme, mellora a evacuación de augas e dota á estrada dunha maior adherencia.