– Os interesados en participar deberán presentar os seus traballos no Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos ata o próximo 1 de setembro. As tres mellores fotografías recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente
– Fernández Queipo subliñou que “nesta ocasión, o tema central do concurso son os usos, rituais e actos festivos que constitúen e estruturan os costumes e a vida social”
– A través desta iniciativa, o Goberno Provincial promove o estudo do territorio, dende un punto de vista social, ao tempo que amosa a riqueza medioambiental destas zonas da provincias, que contan con distintivos internacionais
O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, informou sobre a posta en marcha da V Edición do certame fotográfico das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses. O Goberno da Deputación promove este concurso de fotografía, dotado de 1.600 euros, para impulsar o estudo dos territorios naturais lucenses, dende unha perspectiva social, e poñendo en valor a identidade propia da provincia.
Fernádez Queipo subliñou que “nesta ocasión, o concurso ten como tema central os usos, rituais e actos festivos que constitúen e estruturan os costumes e a vida social dos veciños que habitan nas reservas da biosfera, e reafirmando a identidade que temos como provincia. Preténdese, polo tanto, que nas instantáneas se amose algunha das múltiples festividades e conmemoracións que se suceden ao longo da xeografía das dúas Reservas da Biosfera e que recordan valores tradicionais”.
Os tres mellores traballos presentados recibirán premios en metálico de 800, 500 e 300 euros, respectivamente. Os criterios a valorar serán a composición, orixinalidade e calidade estética da imaxe. O gañador darase a coñecer ao longo do cuarto trimestre do ano.
Prazo aberto ata o 1de setembro
O prazo de presentación dos traballos xa está aberto ata o próximo 1de setembro. Os interesados, deberán presentar os seus traballos a través do Rexistro Provincial do Pazo de San Marcos. Poderán optar ao premio todas as persoas maiores de idade que non fosen premiadas anteriormente. As fotografías, que poden ser en branco e negro ou en cor, deben realizarse no territorio das Reserva da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, tendo como temática Festas populares, tradicionais de Interese turístico.
Os participantes deberán entregar as imaxes recollidas nun CD e tamén copia en papel fotográfico, dentro dun sobre pechado que inclúa o nome e apelidos do autor, data de nacemento, enderezo, teléfono, correo electrónico, título da obra e lugar onde se realizaron. Cada autor só pode presentar unha fotografía. As bases completas poden consultarse na web www.deputacionlugo.gal.