O Lugoteando chega á súa 5ª edición ofrecendo 800 prazas gratuítas en ducias de actividades de ocio e deporte na natureza
– Aberto o prazo de solicitude en www.deputacionlugo.gal para participar nas xornadas que se celebrarán nos meses de agosto e setembro nos Concellos do Valadouro; O Incio; A Pobra do Brollón; Burela; Guitiriz; Vilalba; A Fonsagrada e Lugo
– 800 prazas gratuítas dispoñibles para participar en actividades coma as bolas acuáticas; o paddle surf ; as bananas acuáticas; segways; skates a motor; simulador de surf, ou o longskate
– O prazo de inscrición xa está aberto en www.deputacionlugo.gal. No caso de quedar prazas libres, os interesados tamén poderán inscribirse antes de comezar as actividades no propio lugar onde se celebren. Máis información na citada web ou no 982 260 147
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, acompañada pola Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, presentaron hoxe nun acto que tivo lugar na área recreativa lucenses de Los Robles, unha nova edición do Lugoteando, a programación medioambiental de actividades lúdicas e deportivas para públicos de todas as idades, que busca potenciar o medio natural como factor xerador de riqueza na provincia. Esta iniciativa gratuíta posta en marcha pola Deputación de Lugo hai cinco anos, cofinanciada ó 80% por fondos europeos a través do programa Lug02, arrinca este mesmo sábado, 9 de agosto e durante os meses de agosto e setembro desenvolverase en diferentes puntos de 8 Concellos lucenses. O prazo de inscrición para conseguir algunha das 800 prazas (100 en cada municipio) xa está aberto en www.deputacionlugo.gal.
Méndez destacou que o éxito das edicións anteriores do Lugoteando, que lograron reunir a preto de 4.000 persoas procedentes de toda a provincia, así como doutros puntos de Galicia, “fan pensar que nesta ocasión non será diferente, confirmando que o ocio medioambiental, o aproveitamento lúdico dos nosos recursos fluviais e litorais, é unha das maiores oportunidades económicas da provincia”. Méndez avogou pola validez de iniciativas deste tipo, que “supoñen un decidido impulso por poñer en valor a nosa riqueza natural”.
Datas e inscricións
A 5ª edición de Lugoteando arrinca coa xornada que se celebrará Concello do Valadouro, en xornadas de mañá e tarde, de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. As actividades preparadas son terrestres, e entre elas destacan os paseos en sewgay; un transporte lixeiro de dúas rodas con motor eléctrico; o longskate, unha variedade de skate ou un simulador de surf. O calendario de datas desta programación é o seguinte:
9 de agosto: O Valadouro, no recinto feiral.
16 de agosto: O Incio, no embalse.
17 de agosto: A Pobra do Brollón, na praia fluvial.
23 de agosto: Burela, na praia urbana.
29 de agosto: Guitiriz, na praia fluvial de Parga.
5 de setembro: Vilalba, no complexo da Magdalena.
7 de setembro: A Fonsagrada, na Praza do Concello.
6 e 7 de setembro: Lugo, na área recreativa de Los Robles.
Estas citas ofrecerán a 800 persoas a posibilidade de facer surf, coñecer os sea scooter (un pequeno motor con hélices que permite mergullarse con facilidade); subirse ás bananas acuáticas; dar paseos en canoa ou experimentar os patinetes acuáticos a pedal.
O prazo de inscrición para conseguir algunha das 800 prazas (100 en cada municipio) xa está aberto en www.deputacionlugo.gal, para o que só será necesario cubrir un pequeno formulario. No caso de quedar praza libres, os interesados tamén poderán inscribirse antes de comezar as actividades no propio lugar onde se celebren. Máis información na citada web ou no 982 260 147. Os menores de idade que desexen participar terán que presentar unha autorización asinada polos pais ou titores, que tamén se pode descargar na web.
A aposta polo medioambiente
A Deputación de Lugo volve apostar polos recursos fluviais e litorais da provincia como oportunidades económicas. Lugoteando é unha das actividades que organiza durante todo o ano para potenciar o ocio medioambiental e o turismo desestacionalizado para xerar riqueza. Este tipo de actividades tamén contribúen a impulsar negocios lucenses de diferente sectores –hostalería, gastronomía, deportes e multiaventura, etc.-, mantendo postos de emprego, especialmente no rural, e axudando a fixar poboación.