Máis de 25 colectivos participan na Mesa de Turismo de Lugo organizada polo Goberno da Deputación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e a Concelleira de Cultura de Lugo, Carmen Basadre Vázquez, mantiveron esta mañá en San Marcos un encontro cos máis de 40 participantes na Mesa de Turismo organizada polo Goberno da Deputación para debater sobre as oportunidades e ameazas do sector na provincia lucense.

Campos Conde agradeceu a participación que están rexistrando as diferentes mesas organizadas nos xeodestinos, “xa que estas reunións son interesantes para poñer enriba da mesa a problemática do sector”. E salientou o impulso do turismo como unha das grandes apostas do seu Goberno: “cando entrei aquí hai ano e medio considerei que un dos sectores que había que estimular e poñer en valor era o turístico. E entón, xurdiu a idea de elaborar un Plan Estratéxico de Turismo, no que actualmente estamos traballando”.

O Presidente salientou as grandes potencialidades da provincia: “en Lugo temos de todo, mar, natureza e montaña; o problema é que as pernoctacións son moi baixas e para cambiar isto todos temos que poñer o noso gran de area”, continuou. E emprazou a que “o sector privado e as administracións públicas camiñen na mesma dirección para converter Lugo nun referente turístico”.

O Presidente fixo estas declaracións durante a celebración da Mesa de Turismo de Lugo, a terceira xornada de traballo das 5 que están previstas, coa participación de 200 institucións e colectivos de toda a provincia. Ao encontro de San Marcos acudiron 40 representantes de 25 entidades, entre as que se atopaban Concellos, agrupacións de empresarios e hostaleiros, asociacións da industria agroalimentaria, museos e colectivos culturais e medio ambientais de diversa índole.
5 Mesas de Turismo con 200 entidades participantes
A través de enquisas e de diversas dinámicas de grupo, os participantes na Mesa de Turismo de Lugo identificaron os principais recursos turísticos da provincia, así como as debilidades que cómpre solucionar. Entre os recursos estrela, a gastronomía, a natureza e o patrimonio cultural foron algúns dos máis citados; e as deficiencias nas comunicacións, a falta de infraestruturas e o descoñecemento das potencialidades, os puntos débiles.

Logo da celebración desta mesa de traballo en Lugo, os seguintes encontros terán lugar; en Pedrafita do Cebreiro, o día 16, e Monforte de Lemos, o día 21. Ademais, xa se celebraron as mesas de traballo da Mariña e da Terra Chá. En total, están chamadas a participar 200 entidades, entre as que se inclúen os Concellos incluídos en cada un dos 4 xeodestinos lucenses.

Estas iniciativas de escoita activa forman parte da preparación do Plan Estratéxico de Turismo da Deputación, un plan elaborado con metodoloxías participativas, que, ademais das 5 mesas de traballo, inclúe a realización de entrevistas en profundidade con expertos e de enquisas en liña a colectivos do sector turístico.


This site is registered on wpml.org as a development site.