Este martes, o Centro de Interpretación Terras do Miño, acolleu a xornada sobre As especies invasoras na Terra Chá: inventario, alerta temperá e propostas de erradicación, na que participaron os biólogos e técnicos da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Roberto Hermida Lorenzo e Martiño Cabana Otero. Este encontro, achegou aos 9 participantes a información necesaria para eliminar as especies invasoras que se introduciron de forma artificial e conseguiron adaptarse ao medio, colonizándoo, o que resulta sumamente prexudicial para a biodiversidade.
Nesta xornada, que se celebrou ao longo de toda a mañá, os relatores explicaron o proxecto que desenvolveu a Asociación Galega de Custodia do Territorio, no que analizaron o efecto do cambio climático sobre as especies invasoras; inventariaron as especies presentes na Terra Chá; e estableceron un sistema de vixilancia e alerta temperán e de erradicación destas especies, tendo en conta o efecto que o quentamento global pode producir a medio prazo.
Ademais, neste encontro, afondouse na identificación, o inventario e o cartografado das especies invasoras da Reserva da Biosfera Terras do Miño; e avanzouse na posta en marcha dun sistema de vixilancia, de actuación e dos protocolos de erradicación das especies invasoras da Terra Chá.