O Centro de Interpretación Terras do Miño realizou no 2013 máis de 50 actividades nas que participaron 1.200 persoas



Sonsoles López Izquierdo fai un balance moi positivo das actividades que aumentaron o número de asistentes do ano pasado e que se desenvolveron en varios Concellos da provincia

Celebráronse actividades formativas, rutas de sendeirismo e intervencións medioambientais nas que participaron 568 adultos, 237 nenos e outras 417 persoas acudiron en familia

A programación para o ano 2014 comeza o 10 de xaneiro cunha charla sobre a flora e fauna na Reserva da Biosfera. Aberto o prazo de inscrición en www.deputacionlugo.org
FOTO O Centro de Interpretación Terras do Miño realizou no 2013 máis de 50 actividades nas que participaron 1.200 persoas

O Centro de Interpretación Terras do Miño realizou durante o ano 2013 un total de 54 actividades para todos os públicos nas que participaron máis de 1.200 persoas. A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, fai un balance moi positivo da participación nas actividades que se desenvolveron tanto na capital da provincia como noutros Concellos.

Deste xeito, o Centro de Interpretación programou durante este ano 17 conferencias, 3 accións formativas, 20 obradoiros, 8 rutas, 1 encontro, unha gymkana medioambiental e 4 actuacións no entorno. As actividades estiveron organizadas en 22 ocasións para acudir en familia; dirixidas ó público infantil houbo outras 14 citas, e para adultos houbo 18 actividades. En total participaron nestas actividades máis de 1.200 persoas. Delas, 568 eran adultos, 237 nenos e 417 persoas acudiron en familia. A Área de Medio Ambiente levou a programación do Centro de Interpretación polos Concellos da provincia desenvolvendo actividades en Viveiro, Ribadeo, Monforte de Lemos, Ribas de Sil ou Sarria, entre outros.

A programación do Centro de Interpretación Terras do Miño continúa o 10 de xaneiro na Casa das Ínsuas en Rábade, coa celebración da charla «Conservación e xestión da flora e fauna na Reserva da Biosfera Terras do Miño» e o 11 de xaneiro terá lugar a xornada sobre «Produción láctea e conservación da natureza na Reserva da Biosfera Terras do Miño». Cada unha destas citas conta con 50 prazas e para asistir só é necesario inscribirse na web www.deputacionlugo.org


This site is registered on wpml.org as a development site.