O Goberno da Deputación promocionará os espazos naturais da provincia de Lugo en Galicia e o Norte de Portugal



– Eduardo Vidal Bahamonde avanzou que a Deputación difundirá o patrimonio natural da provincia na guía turística de recursos naturais da Eurorrexión, que distribuirá o Eixo Atlántico en oficinas de turismo e lugares de paso de viaxeiros de toda Galicia e o Norte de Portugal

– A guía de espazos naturais da Eurorrexión terá unha tirada de 80.000 exemplares e incluirá información das tres Reservas da Biosfera de Lugo, a Ribeira Sacra, a praia das Catedrais, o Souto da Retorta, o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, o Courel, o Monte de San Vicente e rio Cabe e o Paseo das Aceas do río Sarria

O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Bahamonde, anunciou hoxe que o Goberno da Deputación promocionará os valores naturais da provincia de Lugo nunha guía turística que se distribuirá en toda Galicia e no Norte de Portugal. Vidal Bahamonde fixo este anuncio logo de participar hoxe, na cidade portuguesa de Bragança, nunha xuntanza que celebrou o Grupo Temático de Turismo do Eixo Atlántico.

“Queremos darlle a máxima difusión posible ao importante e variado patrimonio natural que temos na nosa provincia, porque constitúe un valioso recurso turístico e económico que merece ser coñecido alén das nosas fronteiras e consideramos que a guía turística da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal é un bo medio para darlle máis divulgación aos nosos espazos naturais”, destacou O Deputado de Turismo.

Vidal Bahamonde explicou que Goberno da Deputación aproveitará a guía turística de espazos naturais da Eurorrexión para facer promoción dos numerosos atractivos paisaxísticos da nosa provincia como son as tres reservas da Biosfera coas que contamos na provincia de Lugo, a reserva das Terras do Miño, a dos Ancares lucenses e montes de Navia, Cervantes e Becerreá e a do Eo, Oscos e Terras de Burón. Tamén se dará difusión aos monumentos naturais da praia das Catedrais (Ribadeo), o souto da Retorta (Viveiro), así como á Ribeira Sacra-Canón do Sil, á Serra do Courel, ao pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós (Quiroga), ao monte de San Vicente e río Cabe (Monforte de Lemos) e ao paseo das Aceas nas ribeiras do río Sarria (Sarria).

A guía turística de espazos naturais da Eurorrexión publicarase no outono e terá unha tirada de 80.000 exemplares que se distribuirán en Oficinas de Turismo, Aeroportos, Concellos e Cámaras municipais, entre outros puntos de concentración de viaxeiros tanto de Galicia como das cidades do Norte de Portugal que forman parte do Eixo Atlántico, segundo acordaron os representantes das institucións participantes na xuntanza do Grupo Temático de Turismo.

Lugo en Expocidades

A Deputación tamén exporá a oferta turística da provincia de Lugo na próxima edición da feira de turismo de proximidade Expocidades, que se celebrará no ano 2019 na cidade portuguesa de Braga, segundo decidiu por unanimidade o Grupo de Turismo do Eixo Atlántico na reunión que celebrou hoxe en Bragança.


This site is registered on wpml.org as a development site.