Preto de 140 rapaces coñecen esta semana o corazón de Terras do Miño coas actividades de lecer medioambiental do Km0 Infantil



Os nenos, dos Concellos de Lugo, Pol e Guitiriz, pasarán unha xornada repleta de actividades lúdico educativas na Granxa Garabullos de Cospeito: rutas, xogos, obradoiros e danzas

A participación nos campamentos é gratuíta. Para anotarse tan só hai que entrar na páxina web da Deputación www.deputacionlugo.org

Preto de 140 rapaces dos Concellos de Lugo, Pol e Guitiriz coñecerán esta semana o corazón da Reserva da Biosfera Terras do Miño coas actividades de lecer medioambiental do programa Km0 Infantil, unha iniciativa totalmente gratuíta que a Deputación impulsa por primeira vez este verán co obxectivo de poñer en valor o medio rural lucense e converter ós nenos en pequenos embaixadores da provincia.

Os rapaces que participan esta semana no Km0 Infantil, de idades entre os 6 e os 12 anos, pasarán unha divertida xornada na Granxa Garabullos de Cospeito en pleno contacto coa natureza. Farán unha ruta guiada polos arredores da granxa, A Fraga das sensacións; xogarán interactuando cos animais e a terra; farán un obradoiro de reciclaxe utilizando material de refugallo para crear novos utensilios de uso práctico; ademais de gozar doutros xogos e danzas. Os grupos son os seguintes: dous de 39 e 38 nenos do municipio de Lugo hoxe e mañá, respectivamente; 30 de Lugo e Guitiriz o mércores; e 30 de Pol o xoves.

Os campamentos contan con 400 prazas libres. Os interesados poden anotarse na páxina web do organismo provincial, www.deputacionlugo.org onde atoparán toda a información sobre este programa dirixido ós máis pequenos, que financia nun 80% a Unión Europea a través do plan Lug02. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de xullo. Na web tamén encontrarán o escrito de autorización paterna, que, ben poden enviar vía on line, xunto ó formulario de inscrición, ou ben entregalo en persoa antes do inicio das actividades. Presentar esta autorización é obrigatorio.

Os nenos poden escoller entre dúas alternativas, ambas en plena Reserva da Biosfera Terras do Miño:

– A Granxa Garabullos, situada en Cospeito, onde as actividades terán lugar ata o 15 de xullo, de luns a xoves. Trátase dun centro de lecer educativo que ten como obxectivo dar a coñecer o medio ambiente e as súas potencialidades, e favorecer o compromiso coa conservación do rural.

– O parque Avifauna de Outeiro de Rei, no que haberá actividades entre os días 16 e 19 de xullo. Avifauna é un centro de interpretación que conta con 500 aves de máis de 200 especies diferentes, representativas dos 5 continentes. As características deste parque zoolóxico fano único na comunidade galega, e un dos poucos de España.

Transporte gratuíto

Os participantes contan con servizo de autobús gratuíto desde Lugo para desprazarse ó lugar dos campamentos –Cospeito ou Outeiro de Rei-. En todo caso, se se xunta un grupo de entre 20 e 45 rapaces da mesma zona da provincia, fretarase un autobús para recollelos, tamén gratuitamente, nalgún punto desa zona no que lles veña ben a todos.

Para obter máis información, os interesados poden chamar ós números de teléfono 982-26-00-75/79, ou enviar un correo electrónico a km0infantil@deputacionlugo.org


This site is registered on wpml.org as a development site.