O equipo do proxecto europeo LifeInCommonLand que lidera a Deputación de Lugo no Xistral coas Universidades de Santiago e da Coruña retomou as visitas no terreo para estudar as zonas onde se desenvolverán as actuacións demostrativas de conservación dos montes veciñais en man común compatibles coa produción agroforestal e o aproveitamento do rural.
Nas 5.000 hectáreas da Serra do Xistral desenvólvese un pastoreo extensivo con gando vacún e cabalar salvaxe e demostrouse que a súa xestión sostible ten un efecto positivo para conservar as matogueiras de brezais e turbeiras da zona catalogadas como de enorme valor ecolóxico para protexer a biodiversidade no noroeste Ibérico.
Persoal técnico da USC e da UDC desprazouse, logo do confinamento causado polo Covid-19, ata os montes comunais de A Balsa, no concello de Muras; de Laxa Moura, en Xove, e de Vilacampa e Santo Tomé de Recaré, no Valadouro, para analizar as actuacións de protección e recuperación dos queirogais húmidos e turbeiras deste espazo natural da provincia de Lugo, integrado na Rede Natura 2000.
No Monte de A Balsa de Muras analizou os condicionantes e solucións nunha zona de actuación para eliminar o piñeiral e restaurar a turbeira de cobertor, de maior importancia medioambiental para este ecosistema. No Monte de Laxa Moura de Xove visitou a zona de recuperación de queirogal degrado e a zona de eucaliptos que será substituída por turbeiras de cobertor. Tamén supervisaron os lugares onde se desenvolverán outras actuacións, como a limpeza do pozo de auga, o mantemento e mellora dos bebedoiros do gando con revestimento de pedra para integralos na paisaxe e a construción de dispositivos para favorecer a saída de anfibios.
No concello do Valadouro visitaron Vilacampa, acompañados do herpetólogo da Asociación Galega de Custodia do Territorio, Martiño Cabana, para o asesoramento da adaptación dos bebedoiros aos anfibios. En Santo Tomé de Recaré revisaron o trazado de peche que se vai construír e a marcaxe dos puntos onde se establecerán as cancelas. Nas visitas a estas zonas tamén marcaron a localización exacta dos paneis informativos que este proxecto xa instalou na Serra do Xistral.
No parroquia de Miñotos, no concello de Ourol, tamén acudiron á Rapa das Bestas de Madriñán. O equipo do LifeinCommonLand fai seguimento con colares GPS das eguas nunhas 15 manadas de cabalos en todaa serra para obter información dos movementos dos cabalos salvaxes e coñecer a súa influencia no mantemento dos pastos e conservación dos queirogais e turbeiras.
En todas estas visitas estiveron acompañados dos comuneiros das asociación veciñais implicadas activamente no proxecto. As comunidades de montes veciñais en man común constitúen un piar fundamental na conservación da ZEC Serra do Xistral. Estas agrupacións están aprobando proxectos de ordenación forestal, asesoradas polo equipo de LifeInCommonLand, que integran un modelo de xestión sostible que cumpre co dobre obxectivo de manter a actividade gandeira dos comuneiros e os ecosistemas no mellor estado de conservación.
A Deputación de Lugo lidera este proxecto europeo no Xistral xunto á USC e UDC co obxectivo de amosar que é compatible a conservación dos hábitats naturais das zonas de especial protección ambiental co aproveitamento do medio rural e o desenvolvemento económico sostible. Esta pioneira iniciativa inclúe un sistema de recompensas económicas ás comunidades veciñais dacordo aos niveis acadados de preservación dos hábitats. Desde a institución provincial, decidiuse elaborar este proxecto para ofrecer solucións ás limitacións da Rede Natura 2000 no aproveitamento do territorio.