Últimas 21 prazas para participar de balde na charla sobre cogomelos que organiza o Goberno da Deputación o vindeiro xoves 24 de xaneiro en horario de 19:30 a 21:00 horas. Este coloquio, enmarcado na programación de actividades medio ambientais do Executivo Provincial no Centro de Interpretación Terras do Miño estará impartido polo mitólogo José Castro, membro da Sociedade Micolóxica Lucus. As persoas que o desexen poden inscribirse a través da web www.deputacionlugo.gal ou ben no correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org ata completar o aforo.
O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente animou a todos os interesados a “participar de xeito totalmente gratuíto nesta actividade destinada a todos os públicos. O obxectivo desta charla é dar a coñecer entre os cidadáns os principais cogomelos de interese e por en valor a importancia dos ecosistemas naturais da nosa contorna”.
Fernández Queipo destacou “a boa acollida destas actividades programadas para o primeiro trimestre do ano, pois na maioría dos obradoiros as prazas están esgotadas, sendo esta charla a única actividade no mes de xaneiro con escasas prazas vacantes. As actividades son de carácter lúdico, formativo e destinadas a todas as idades”.
15 actividades e 350 participantes
O Goberno da Deputación ofrece durante este primeiro trimestre do ano un total de 15 actividades moi variadas as que poderán acudir preto de 350 persoas entre os meses de xaneiro, febreiro e marzo no Centro de Interpretación Terras do Miño. As persoas interesadas en participar nalgunha das actividades programadas deberán reservar a súa praza na web www.deputacionlugo.gal; a través do correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org e poden tamén chamar aos teléfonos 982 227 813 ou 982 305 930 para obter máis información.