Un cento de persoas participa esta semana nas Xornadas Micolóxicas que organiza a Deputación na Reserva da Biosfera Terras do Miño



O Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, inaugurou este luns xunto ao Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, as Xornadas Micolóxicas que se desenvolven ata o 19 de outubro no Pazo de San Marcos polas tardes. Esta iniciativa, que se enmarca na programación gratuíta e de lecer sobre educación ambiental que desenvolve a Deputación de Lugo na Reserva da Biosfera Terras do Miño, cubriu as 100 prazas dispoñibles.

“Este obradoiro é unha oportunidade excepcional para que todos os que estades aquí poidades afondar no mundo dos cogomelos”, sinalou o Deputado, que deu a benvida aos asistentes en San Marcos. Engadiu que “esta actividade tamén reflexa o noso compromiso pola protección do entorno natural que nos rodea e a biodiversidade da provincia”, a razón pola que “desde a institución provincial sempre apostamos por actividades coma esta”.

As xornadas inclúen cinco días de sesións teóricas que se impartirán os días 14, 15, 16, 17, 18 no Salón de Actos do Pazo de San Marcos entre as 19:30 e as 21:30 horas. O último día das xornadas, o sábado 19 de outubro, está prevista unha saída ao campo para os participantes de tres horas. A saída está programada para as 10:30 horas desde o Centro de Interpretación Terras do Miño.

Da man da Sociedade Micolóxica Lucus, os participantes nestas xornadas coñecerán a importancia dos ecosistemas naturais e das boas prácticas a empregar na actividade micolóxica. Ademais, aprenderán a identificar diferentes especies de cogomelos nos seus hábitats.


This site is registered on wpml.org as a development site.