– O programa, organizado pola USC e a SEAE os días 6 e 7 de febreiro, co que colabora a Deputación, inclúe o venres unha sesión aberta ao público conmemorativa do Ano Mundial dos Solos.
Un seminario sobre manexo do solo e fertilidade en agricultura ecolóxica citará os días 6 e 7 de febreiro na capital luguesa investigadores de toda España, que, a través dos distintos relatorios e sesións de traballo programadas, afondarán, entre outras, en temáticas relacionadas coas a bases ecolóxicas e fundamentos agroómicos, fertilidade dos solos e plans de fertilización, conservación da biodiversidade, calidade dos alimentos, diversidade vexetal en agricultura ecolóxica, aproveitamento dos recursos locais e na relación dos animais coa fertilidade do solo.
As distintas sesións deseñadas no marco deste programa formativo e de divulgación, impulsado pola USC en colaboración coa Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), desenvolveranse na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo, agás a sesión organizada co gallo da conmemoración do Ano Mundial dos Solos, un acto aberto ao público en xeral que celebrará este venres, a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa do Saber, onde a presidenta da SEAE, Dolores Raigón, e Julio César Javier Tello, ofrecerán o relatorio ‘Solos sans para unha vida sana’.
O seminario sobre manexo do solo e fertilidade en agricultura ecolóxica permitirá traer a Lugo, os máximos responsables da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica, ademais doutros investigadores de relevancia contrastada, sinalou este mércores o profesor da USC e vicepresidente da SEAE, Xan Neira, na presentación do foro na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader).
Neira aproveitou este acto para subliñar publicamente a colaboración reciba da Deputación Provincial de Lugo, ao tempo que fixo especial fincapé na implicación de máis de vinte produtores ecolóxicos, que permitirán ás persoas inscritas neste seminario degustar unha ampla gama de produtos ecolóxicos.
A deputada provincial de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, salientou asemade que a implicación da Deputación neste programa encádrase na decida aposta do ente provincial polo desenvolvemento sostible do medio rural. Daquela, precisou López Izquierdo, “a formación é unha vía máis para avanzar no progresivo desenvolvemento da economía rural e do desenvolvemento sostible”.
“A agricultura e, nomeadamente, a agricultura e as producións agroecolóxicas son tamén manifestacións importantes da cultura galega”, sinalou o deputado provincial delgado da área de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, quen logo de remarcar esta ligazón, indicou os participantes nas distintas sesións deste seminario poderán tamén coñecer outras expresións da cultura galega a través dos espectáculos de música tradicional galega programados no refectorio do Museo Provincial de Lugo. Os compoñentes de Clave de Fado Iria Estévez e Gonzo Piña ofrecerán un recital o venres, a partir das 20.30 horas, mentres que o sábado 7 de febreiro, o mesmo escenario acubillará a actuación da formación Os Parentes, de Sober.
O consultor agroecolóxico da SEAE Carlos Brea Pallares puxo de manifesto que a organización deste tipo de accións formativas e divulgativas en Lugo está en sintonía co continuo incremento da agricultura ecolóxica en Galicia e en España, tanto en termos de superficie cultivada como de produción e demanda de produtos. A profesora da USC e directora do Ibader, Elvira López Mosquera, indicou que a celebración deste tipo de seminarios reforzan o liderado do campus de Lugo no eido da investigación e do desenvolvemento da agroecoloxía.
Destinatarios e inscrición
O seminario ‘O manexo sostible do solo e a fertilidade en agricultura ecolóxica’ está especialmente dirixido a técnicos e profesionais do sector, aínda que tamén está aberto á participación de estudantes e titulados/as universitarios e ao público en xeral. As persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula, cuxo prezo xeral é de 50 euros, a través da web www.agroecoloxia.net.
Os organizadores deste curso tamén están a tramitar o recoñecemento académico para estudantes da USC dalgunha das actividades formativas que se desenvolverán no marco deste foro, tal é como é o caso do relatorio que ofrecerán o venres Dolores Raigón e Julio César Javier Tello na Casa do Saber de Lugo.