Visitas, obradoiros e outras actividades conforman o programa escolar da Deputación no Centro de Interpretación do río Rato



O Goberno da Deputación organiza neste 2019 un amplo programa de actividades formativas dirixidas aos centros educativos da provincia e adaptadas aos diferentes cursos, como visitas ou obradoiros, que terán lugar no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no paseo do río Rato. Todas as actividades son gratuítas e para inscribirse a dirección do centro deberá poñerse en contacto coa Área de Medio Ambiente a través do teléfono 982 227 813 ou ben na dirección de correo electrónico und.medioambiente@deputacionlugo.org

O Vicepresidente da Deputación e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, animou a todos os centros interesados “a participar totalmente de balde na programación medioambiental que lles ofertamos dende o Executivo Provincial, pois queremos que os cativos se acheguen á natureza por medio dunha educación transversal, para fomentar neles o respecto e cariño polos nosos recursos naturais”.

Todos os centros da provincia poden participar no programa que consiste na realización de visitas adaptadas aos currículos dos diferentes cursos, con diferentes modalidades: visitas guiadas, visitas guiadas con paseo polo río Rato, visitas activas cun caderno de actividades, ou visitas-obradoiro. Tamén se ofrece a posibilidade de que sexan os profesores quen impartan unha clase empregando o material e as instalacións do Centro de Interpretación.

Actividades durante todo o curso
As actividades están dispoñibles durante todo o curso escolar e non existe un prazo límite para solicitalas “se ben é certo que os paseos son preferibles na época primaveral, pois a natureza retorna á vida despois do inverno e o alumnado pode desfrutalo máis” aclarou o Vicepresidente.

“Os rapaces teñen a oportunidade de achegarse ao centro de interpretación e desfrutar da natureza dende un punto de vista diferente e activo e, os da comarca de Lugo, tamén poderán participar en O Centro de interpretación na rúa na que son os traballadores quen se despraza aos colexios para traballar co alumnado” explicou Fernández Queipo quen tamén destacou a participación de moitos centros no curso anterior no Programa de Seguimento Fenolóxico da Rede Española de Reservas da Biosfera: “trátase dun programa de ciencia cidadá que consiste no observación de especies comúns para analizar os cambios das datas dos seus feitos biolóxicos”.

Modalidade das visitas ao Centro de Interpretación
– Visita guiada adaptada ao currículo dos ciclos de Ensino Infantil, Primaria e Secundaria.
– Visita guiada adaptada ao currículo dos ciclos de Ensino Infantil, Primaria e Secundaria e paseo didáctico polo río Rato.
– Visitas activas complementadas cos cadernos de actividades da Reserva da Biosfera Terras do Miño (un específico para cada nivel educativo) e paseo didáctico polo río Rato.

Ofértanse tamén ás seguintes visitas-obradoiro:
* Viaxando ao interior do solo (4, 5 e 6 de Educación Primaria).
* Botánicos no Paseo do Río Rato (4, 5 e 6 de Educación Primaria).

Do mesmo xeito, sempre que os profesores responsables da visita o desexen, ofértase tamén a posibilidade de impartir algunha clase por parte do persoal docente, empregando as instalacións do Centro de Interpretación no horario indicado para as visitas guiadas.

Actividades abertas no Centro de Interpretación
Ademais, o Centro de Interpretación organiza 16 actividades neste primeiro trimestre do ano, para que poidan participar todos os veciños que queiran. A programación deste trimestre ten como eixo temático os traballos do inverno como a poda, a prevención de pragas ou a preparación do solo do horto, traballando estes temas con charlas, saídas, cursos, talleres para adultos ou obradoiros e festas para os máis cativos. Todas as actividades realizaranse, a menos que se indique o contrario, no Centro de Interpretación, son gratuítas e teñen límite de prazas, polo que é necesario a inscrición previa na web da Deputación.


This site is registered on wpml.org as a development site.