Julián Alonso será o encargado de de falar sobre as propiedades dos fungos, os seus usos ancestrais nas culturas asiáticas e europeas e a súa utilización no tratamento de enfermidades
Esta cita forma parte da programación do Centro de Interpretación para o primeiro trimestre do ano, con charlas e rutas para dar a coñecer a natureza lucense a toda a familia
O Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá mañá, xoves 30, ás 19:30 horas, unha conferencia titulada “Fungos medicinais: Usos ancestrais e novas perspectivas”, que impartirá o experto en micoloxía e Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso.
Alonso falará das propiedades e utilización dos fungos con fins medicinais ó longo da historia. A conferencia abordará a evolución dende os usos ancestrais dalgunhas especies polas antigas culturas europeas e asiáticas, ata as máis modernas e actuais perspectivas e liñas de investigación no campo da micoterapia. O experto describirá as principais especies, os seus principios activos e as propiedades terapéuticas destas.
Esta cita forma parte da programación do Centro de Interpretación Terras do Miño para o primeiro trimestre do ano, na que se inclúen charlas, rutas e xornadas didácticas dirixidas a toda a familia para coñecer a diversidade medioambiental da provincia. Todas as actividades son gratuítas e só é preciso inscribirse na web www.deputacionlugo.org.
Julián Alonso é licenciado en Veterinaria e Doutor en Ciencias Biolóxicas. É un experto conferenciante, con participación en máis de 100 cursos, xornadas e encontros en toda Galicia, Andalucía e Portugal, maioritariamente sobre temáticas micolóxicas. É coautor de 2 libros e numerosos artigos publicados en revistas nacionais e internacionais, que o converten nun dos maiores expertos en micoloxía en Galicia.