A Deputada de Medio Ambiente presentou a oferta de actividades gratuítas do Centro, que inclúe conferencias, exposicións e obradoiros pensados para nenos e adultos e que continuarán nos meses de verán con máis actividades ó aire libre
Esta programación comezará o día 11 de abril, ás 19:00 horas, cunha conferencia do biólogo Manuel Antonio Rodríguez Guitián sobre os humidais de Terras do Miño. Información e inscricións en www.deputacionlugo.org
A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou hoxe a programación que a institución provincial organizou para os meses de abril, maio e xuño no Centro de Interpretación Terras do Miño, ubicado na contorna do río Rato. Tal e como destacou a Deputada, “tanto a tipoloxía das actividades, coma a ampliación do horario operativo do Centro, responde á nosa intención de achegar este Centro de Interpretación ó maior número de persoas posible, para facer del Centro de referencia en formación e coñecemento do noso patrimonio natural, así coma ó fomento de conductas respectuosas co medio, imprescindibles para a posta en valor da riqueza medioambiental da nosa provincia”
Dentro desta programación gratuíta haberá actividades de todo tipo e para todos os gustos, tales coma conferencias, exposicións e obradoiros, dirixidas a públicos de todas as idades. En canto as conferencias, todas elas estarán a cargo de reputados expertos de prestixio, celebrarasne as seguintes:
11 de abril: a conferencia Lagoas e mananciais na Reserva da Biosfera Terras do Miño: introdución á súa tipoloxía e valores ambientais, a cargo de Manuel Antonio Rodríguez Guitián
25 de abril: conferencia do zoólogo e investigador, técnico do Consello reitor da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Jesús Domínguez Conde, Importancia da Reserva da Biosfera Terras do Miño, para a conservación da poboación ibérica do Zarapito real (numenius arquata)
9 de maio: Os bosques na Reserva da Biosfera Terras do Miño, ofrecida polo Enxeñeiro de Montes Antonio Rigueiro Rodríguez, membro da Real Academia Galega de Ciencias
13 de xuño: Xestión de espazos naturais, impartida polo biólogo e Vicerreitor Adxunto de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago Pablo Ramil Rego
28 de xuño: Caracterización do vóo forestal no parque do río Rato, a cargo do Enxeñeiro Técnico Forestal Luis Fernández Reija.
Tamén están previstos obradoiros para adultos e nenos. En particular, estes son os dirixidos a adultos:
27 de abril: Coidados da hortas en primavera con criterios ecolóxicos
11 e 12 de maio: Curso de micoloxía, organizado en colaboración coa Asociación Micolóxica Lucus. Este curso inclúe unha saída de campo e exposición.
25 de maio: Botánica doméstica: prantas medicinais e prantas das nosas hortas e campos.
Tamén os máis novos contarán con actividades organizadas tendo en conta as súas idades e capacidades, de xeito que cada un deles poida obter o máximo rendemento e gozar dun tempo de ocio diferente:
2 e 3 de maio: A miña amiga a auga. Neste obradoiro os nenos aprenderán, con divertidas actividades, a importancia do ciclo do auga, así coma a racionalizar o uso da mesma e como afecta a contaminación ambiental á calidade do auga.
1 e 2 de xuño: Ruta etnográfica polo río Rato. Os rapaces aprenderán sobre diferentes aspectos medioambientais, culturais e etnográficos desta zona.
8 de xuño e 29 de xuño: Descubrimento da natureza. Neste obradoiro haberá xogos e traballos manuais.
22 e 23 de xuño: Aprendendo a reciclar. Os nenos participantes farán traballos con materiais de refugallo e xogos.
Outra das actividades programadas é a singular exposición Proxecto Land Art, organizada en colaboración coa Escola de Arte e Superior de Deseño “Ramón Falcón” e que se celebrará o vindeiro 30 de maio. Estas son só algunhas das posibilidades coas que os lucenses contarán para coñecer máis do medio natural da provincia en xeral, e das Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Ancares.
Lagos e lagoas das Reservas
Esta programación dará comezo o vindeiro día 11 de abril, cunha conferencia sobre os humidais das Reservas. Lagoas e mananciais na Reserva da Biosfera Terras do Miño: introdución á súa tipoloxía e valores ambientais estará a cargo de Manuel Antonio Rodríguez Guitián. Tamén presente no acto que tivo lugar esta mañá, este biólogo, profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, foi precisamente un dos expertos que formaron parte do equipo redactor das diversas candidaturas das Reservas da Biosfera propostas dende Galicia, entre a que se atopaba precisamente a de Terras do Miño.
Autor de máis de 150 traballos de investigación e divulgación centrados, entre outros temas, na caracterización e valoración de hábitats naturais e espazos protexidos, ofrecerá unha introdución a este tipo de medios, describindo e aportando exemplos das tipoloxías existentes dende o punto de vista hidrolóxico. Rodríguez Guitián centrará a súa atención nos coñecidos “Ollos de Begonte”, sistemas de excepcional interese biolóxico para a propia Reserva de Terras do Miño, así coma para o medio natural da zona cántabro-atlántica.
Os interesados en acudir a esta ou a calquera outra actividade, poden inscribirse a través de www.deputacionlugo.org. Estas actividades gratuítas celebraranse no Centro de Interpretación, que ademais amplía o seu horario operativo. Deste xeito, de luns a xoves, abrirá as súas portas de 9:30 a 14:30 horas; os venres, de 9:30 a 14:30 e de 16:00 a 19:00 horas. As fins de semana o horario será de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas os sábados e de 11:00 a 14:00 horas os domingos.