O Centro de Interpretación Terras do Miño organiza un obradoiro de Achegamento á micoloxía para toda a familia

A xornada gratuíta amosará ós asistentes a ampla variedade de cogomelos propios da zona e ofrecerá formación teórica e práctica, xa que están programadas saídas o campo

O obradoiro celebrarase en horario de 11:00 a 14:00 horas e continuará o día 30 de novembro no mesmo horario cunha nova cita para ampliar coñecementos micolóxicos

A iniciativa forma parte da programación do Centro de Interpretación para o último trimestre do ano, que inclúe obradoiros e actividades para que toda a familia participe

O Centro de Interpretación Terras do Miño acollerá este sábado, entre as 11:00 e as 14:00 horas, o obradoiro Achegamento á Micoloxía I. Trátase dunha iniciativa para dar a coñecer, de forma amena e divertida a toda a familia, a riqueza do mundo dos cogomelos. A cita comprende tanto formación teórica como práctica, xa que os asistentes percorrerán as inmediacións do Río Rato na busca de diversos exemplares de setas. Deste xeito, aprenderán a recoñecer tanto os cogomelos comestibles como aqueles tóxicos que representan un perigo para a saúde.

O día 30 de novembro, celebrarase un novo obradoiro Achegamento á micoloxía II, no mesmo horario e tamén dirixido a toda a familia, para ampliar coñecementos sobre este tema. Para obter máis información ou consultar outras actividades do Centro de Interpretación Terras do Miño, poden visitar a páxina web www.deputaciondelugo.org ou chamar ó teléfono 982 227 812.

A programación do Centro de Interpretación para o último trimestre do ano inclúe obradoiros e actividades para toda a familia. A próxima cita será o vindeiro 21 de novembro coa conferencia sobre curiosidades micolóxicas que ofrecerá o doutor en Ciencias Biolóxicas e Presidente da Asociación Micolóxica Lucus, Julián Alonso.


This site is registered on wpml.org as a development site.