O Goberno da Deputación impulsa as I Xornadas Apícolas e a XXVI Feira do Mel de Lugo esta fin de semana na Reserva da Biosfera Terras do Miño



As xornadas están organizadas pola Asociación Provincial Lucense de Apicultores e contan co apoio da Deputación e da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Serán os días 28 e 29 de setembro no Pazo de San Marcos. O domingo celebrarase a XXVI Feira do Mel na que participarán 22 apicultores

Fernández Queipo sinalou o interese que ten a apicultura como complemento das economías familiares e avanzou que este ano incrementarase o prezo do mel, debido á escasa produción rexistrada

O Vicepresidente da Deputación e do órgano de xestión da Reserva da Biosfera Terras do Miño, Argelio Fernández Queipo, e a Concelleira de Cidadanía, Rosana Rielo Rozas, presentaron este mércores no Salón de Actos da Deputación, a primeira edición das Xornadas Apícolas, organizadas pola Asociación Provincial Lucense de Apicultores. De carácter gratuíto e abertas ao público, as xornadas terán lugar este venres e sábado, en horario de tarde, no Salón de Actos da Deputación. O evento pechará o domingo coa XXVI Feira do Mel de Lugo, que permitirá adquirir diferentes tipos de mel producidos en Galicia.

O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente sinalou na presentación “o interese das xornadas para todas aquelas persoas que queiran iniciarse na apicultura ou que contemplen dar o salto da apicultura familiar a unha actividade profesional”. Ademais, Fernández Queipo avanzou que “segundo os datos que manexa o sector, a produción de mel este ano foi moi escasa, debido ás condicións meteorolóxicas adversas, polo que se agarda que o produto experimente unha considerable suba de prezo”.

A comercialización e a produción de propóleos e as últimas técnicas de erradicación da vespa velutina son outros dos temas das xornadas, que contarán con poñentes de referencia no seu campo. O goberno da Deputación colabora coa Asociación Provincial Lucense de Apicultores na organización do evento.

Programación das xornadas
As xornadas arrincan o venres 28 de setembro ás 19.30 horas cunha charla sobre a importancia da apicultura na nosa sociedade, a cargo de Pablo Piñeiro Fraga, presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores.

As charlas continúan o sábado ás 16.00 horas coa intervención dun dos principais expertos na vespa velutina de Galicia, o entomólogo Manuel Corral Andrade, que falará da situación actual da vespa invasora e das últimas técnicas en trampas e atraentes. Ás 18.00 horas, o apicultor Francisco López Devesa, de Mieles Modia, expoñerá os pasos para pasar da apicultura familiar á apicultura profesional. E finalmente, ás 19.30 horas, o apicultor Román Cid Álvarez, presidente da Asociación Abellas Nais, centrará a súa intervención na produción e comercialización de propóleos.

O domingo, terá lugar a XXVI Feira do Mel, na Praza da Soidade de Lugo de 10.00 a 17.00 horas, onde se poderán adquirir diferentes tipos de mel de Galicia. Nesta edición participarán 22 apicultores. O prezo do mel será de 8 euros o quilo e 4,50 euros, o medio quilo.


This site is registered on wpml.org as a development site.