O Presidente entrega 27 hortos urbanos da Deputación no Rato a novos usuarios e usuarias



José Tomé Roca estivo hoxe, xunto co Deputado de Medio Ambiente, coas persoas e entidades beneficiarias e subliñou que este proxecto “forma parte da acción que impulsamos para fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio”

A institución provincial xa fixo entrega, con estes espazos, da totalidade das parcelas de 30 metros cadrados cada unha que ten neste entorno e que pon a disposición da cidadanía de maneira gratuíta para fomentar o lecer saudable e a agricultura ecolóxica

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca,  e o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, fixeron entrega este venres dos 27 de hortos urbanos que a institución tiña dispoñibles no Paseo do Río Rato. Con estas parcelas xa estarán ocupados os 150 terreos, de 30 metros cadrados cada un, titularidade da Deputación nesta contorna.

“Trátase dun proxecto que forma parte da ampla acción que impulsamos dende a Deputación para fomentar o coñecemento e a posta en valor do territorio, en concreto das Reservas da Biosfera, das que a nosa provincia é o máximo expoñente en Galicia, como fórmula para favorecer o desenvolvemento sostible a través de iniciativas que aproveiten a riqueza natural coa que temos a sorte de contar, tanto no eido do sector primario, como do turístico”, explicou o Presidente.

Tomé Roca sinalou que “cos hortos urbanos, a Deputación de Lugo pon a disposición da cidadanía de Lugo e dos concellos do arredor este espazo público de maneira gratuíta para o seu uso e desfrute cunha actividade de lecer, social e mesmo educativa que fomenta o lecer saudable, o interese pola agricultura ecolóxica e a concienciación no coidado do medio ambiente”.

Ao pé das parcelas, o Presidente fixo entrega esta tarde aos novos usuarios e usuarias unha carpeta serigrafiada con información de interese, ferramentas de traballo e plantas para comezar a producir no horto. Tamén lles explicou que todos os xoves a institución provincial pon á súa disposición formación gratuíta destinada a mellorar os cultivos.

Nesta nova fase de asignación, foron concedidos a través dun proceso de competencia competitiva no que primaron criterios sociais, como estar en situación de desemprego, ser representante dun centro educativo ou traballar para un colectivo social.


This site is registered on wpml.org as a development site.