Pratos informais cun estilo gastronómico innovador na penúltima xornada do Showcooking da Deputación



– A Escola de Hostalería de Lugo acolle este martes a 11ª xornada, á que asistirá a Vicepresidenta Segunda e o Alcalde de Lugo, onde os participantes elaborarán de xeito tradicional pero cun toque moderno lasaña, pescada e semur de carne de raza cachena.
– A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, mostra “o potencial turístico da cociña de proximidade” a través de xornadas gratuítas de cociña.
– O organismo provincial pechará este xoves o ciclo de clases maxistrais de cociña no restaurante Os Mesones de Guitiriz.

O Showcooking Cociña Autóctona da Deputación chega esta tarde a Lugo tras o seu paso pola Fonsagrada, Monforte de Lemos, Cervantes, O Valadouro, Begonte, Outeiro de Rei, Foz, Ribadeo e Chantada co obxectivo de potenciar a comercialización e o consumo dos produtos propios da provincia luguesa ao tempo que se favorece o desenvolvemento do turismo gastronómico.

Nesta ocasión, o local encargado de acoller esta clase maxistral de cociña será a Escola de Hostalería de Lugo, ubicada no IES Sanxiallao, lugar de formación dos futuros chefs e profesionais do mundo da hostalería da provincia luguesa. A partir das 17:00 horas, os chefs Jacobo Santeiro, Diego Martínez, Fran Fernández e Adrián Salgado, cociñeiros do restaurante O Mercado Street Food, amosaranlle aos participantes a combinar a elaboración de pratos informais cun estilo gastronómico innovador, empregando produtos autóctonos da provincia.

Nesta masterclass, a undécima do Showcooking, os participantes aprenderán a elaborar un primeiro prato de lasaña thai de carne de raza cachena, pementos e bechamel de cilantro e un segundo de pescada curada en sal asada en folla de banano con crema de gazpacho picantes katsuobushi e pan de gambas especiado. Para rematar, os chefs prepararán semur de vaca cachena cun toque mexicano. Como en todas as anteriores xornadas, ao rematar a clase os asistentes catarán o menú elaborado.

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, e o Alcalde de Lugo, José López Orozco, participarán neste obradoiro que pretende mostrarlle aos asistentes o potencial turístico da “cociña de proximidade”, un concepto moi recente que busca diferenciar aos restauradores que empregan maioritariamente provedores e produtos da súa zona, asegurando así a súa frescura e estado ao chegar ao establecemento, xa que non é necesario un transporte excesivo.

A iniciativa, financiada nun 80% por fondos europeos do Lug02 Provincial, está dirixida principalmente a profesionais do sector hostaleiro, entre os que se trata de fomentar o uso de produtos autóctonos na elaboración dos seus pratos diarios, aproveitando a calidade e a exclusividade dos propios de cada zona para impulsar o sector. Este xoves a Deputación pecha este ciclo de clases maxistrais de cociña no Restaurante Os Mesones de Guitiriz, onde se empregarán, ao igual que o resto da xornadas, produtos autóctonos, principalmente, aqueles que posúen a marca de calidade LugoSabe, creada polo organismo provincial, e os ofertados na 1º plataforma de comercio electrónico da provincia, tamén posta en marcha pola Deputación: www.losproductosdelugo.com


This site is registered on wpml.org as a development site.