20 persoas achéganse ao método científico nun obradoiro gratuíto da Deputación no Centro de Interpretación Terras do Miño

20 persoas participan dende hoxe e ata o 6 de marzo no obradoiro gratuíto II Entroido de Ciencia e Medio Ambiente, que ofrece o Goberno da Deputación, a través das actividades medioambientais do Río Rato. A actividade, que transcorre no Centro de Interpretación Terras do Miño, consiste na realización de distintos experimentos, co fin de introducir aos participantes no método científico de forma lúdica, e fomentar a concienciación medioambiental e a posta en práctica de hábitos da vida que axuden a coidar e a respectar a contorna.

O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “con este tipo de actividades de campo achegamos o mundo científico a todos os veciños lucenses dun xeito lúdico e atractivo. Ademais, será un traballo de responsabilidade e de compromiso con medio ambiente, xa que os participantes achegaranse a distintas disciplinas científicas como a Química, Física, Bioloxía, Botánica, Biodiversidade, Xeoloxía ou a Vulcanoloxía”.

Experimentos
Ao longo destes tres días, os participantes estudarán a botánica do Courel, a biodiversidade en Terras do Miño, os fenómenos e estrutura dos volcáns; os remuíños, enerxías e forzas da auga; e farán experimentos como o diablillo de Descartes, para descubrir os principios físicos da presión; traballarán na reflexión da luz do sol; na extracción de ADN de células vexetais e animais; na importancia do centro de gravidade, coa proba do garfo equilibrista; e ensaiarán o parafuso de Arquímedes.

Coidado do medio ambiente
Os participantes elaborarán disfraces para o entroido cunha impresora 3D, mediante o método das 3 R’s da ecoloxía (Reducir, Reutilizar, Reciclar), para coidar o medio ambiente, sobre todo para aprender como reducir o volume de residuos ou de lixo xerado.

Enerxía eléctrica
De forma paralela, durante os 3 días que dura este obradoiro, os participantes terán a oportunidade de xerar enerxía eléctrica cunha bicicleta, para que persoas que non teñen acceso á electricidade ou sofren cortes periódicos por temporais, poidan gozar dela dunha maneira sustentable.

Así, un dos experimentos que realizarán será tentar almacenar a electricidade e alimentar aparellos que normalmente se enchufan á rede, mediante o subministro de corrente a un xerador co movemento da roda traseira da bicicleta, para acender unha lámpada ou cargar o teléfono.

Neve artificial
Os asistentes ao obradoiro fabricarán tamén neve para simular un temporal que provoca cortes na subministración eléctrica e problemas na rede viaria da montaña lucense. Para o experimento, disporán dun robot que programarán como máquina quita neves. Algunhas das pezas necesarias para o proxecto fabricaranas na aula coa axuda dunha impresora 3D.


This site is registered on wpml.org as a development site.