20 persoas participan no obradoiro sobre a poda de arbustos e árbores ornamentais do Centro de Interpretación Terras do Miño



20 persoas participaron este sábado no obradoiro gratuíto Poda de arbustos e árbores ornamentais, que ofreceu o Goberno da Deputación no Centro de Interpretación Terras do Miño, enmarcado na programación de actividades medioambientais do Executivo Provincial para o primeiro trimestre do ano. O Vicepresidente e Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, destacou “a boa acollida desta actividade, que completou o seu aforo, reunindo a unha vintena de veciños interesados na materia”.

Fernández Queipo subliñou que “como vén sendo habitual, estes cursos, ademais de ser formativos para a poboación, teñen unha clara finalidade: espallar entre a cidadanía unha cultura ambiental de coidado e conservación do medio ambiente. A través destes obradoiros, a Deputación ofrece formación totalmente de balde e ademais contribúen a adquirir unha conexión coa natureza, unha mellor comprensión e unha responsabilidade co noso medio rural”.

O obradoiro tivo unha duración de 4 horas nas que a enxeñeira agrónoma especialista en produción vexetal, Noelia López López, deu aos participantes nocións básicas teóricas e prácticas sobre as tarefas de poda en planta, tanto de formación inicial como de mantemento. Durante o curso, tratáronse as necesidades de poda das diferentes especies vexetais, as distintas formas de degallar existentes e as épocas nas que se poden espolar as especies ornamentais máis representativas en Galicia. Os participantes aproveitaron os arbustos e árbores próximos ao Centro de Interpretación Terras do Miño, para observar e propor estratexias e operacións de corte e poda.

Programación totalmente de balde

Cada ano, centos de persoas participan de xeito totalmente gratuíto nesta programación de actividades medioambientais que ofrece a Deputación. De feito, o ano pasado, foron máis de 1.500 os veciños da provincia que se sumaron a estas actividades. A través deste tipo de iniciativas, o Goberno busca fomentar entre a cidadanía valores relacionados coa conservación e mantemento do medio ambiente e, ao mesmo tempo, dar a coñecer o entorno natural da provincia, co fin de aprender a respectalo e coidalo.


This site is registered on wpml.org as a development site.