A Deputación de Lugo propón novas actividades na Reserva da Biosfera Terras do Miño



– Terras do Miño acadou un 100 sobre 100 no indicador que mide a participación nos órganos de xestión. A nota global foi 75,84, por enriba da media acadada por todas as reservas de España que foi de 69,74 puntos

– O Campus de Emprendemento permitiu a creación de unhas 10 empresas no ámbito rural e a conseguinte fixación de poboación. A Deputada de Medioambiente e o Presidente da Deputación convidaron a unha “ruta dos alcaldes” para que estes coñezan as iniciativas empresariais e apoien e aproveiten os recursos que dispoñen os seus concellos.

O titular provincial, Darío Campos, presidiu este martes as reunións dos Órganos Reitor e de Participación da Reserva da Biosfera Terras do Miño. No encontro definíronse os primeiros proxectos que se van a poñer en marcha o vindeiro ano. Entre eles atópase a
Elaboración dun Catálogo Aberto do Patrimonio Inmaterial das Reservas da Biosfera españolas, que permitirá poñer en valor gran número de recursos aínda pouco explotados, como festas, tradicións, expresións orais, coñecementos e usos relacionados coa natureza ou técnicas artesanais propias. Toda esta información será recollida nunhas fichas tipo.

A Deputada da Área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, anunciou a participación no proxecto “Recetas da Biosfera”, co que se pretende poñer en valor a gastronomía da rexión das terras do Miño, que abrangue 26 concellos lucenses. De entre as recetas recibidas de cada reserva seleccionaranse as mellores para a súa edición nun libro conxunto da Rede Española de Reservas da Biosfera.

Dende a Área de Medioambiente da Deputación estase a traballar tamén na posibilidade de participar nun proxecto INTERREG (no marco do programa de Cooperación Interreg V A España Portugal) para a promoción do cultivo ecolóxico de especies vexetais autóctonas de Galicia e do Norte de Portugal que poidan servir para empregar en gastronomía e balneoterapia. O proxecto, nomeado “ Emprendemento verde baseado no cultivo ecolóxico de especies susceptibles para usos cosméticos e/ou alimentarios” quere abrir unha nova oportunidade para o desenvolvemento rural da área.

Durante a xornada, profesores da Universidade de Santiago de Compostela presentaron o Proxecto Urbano de Adaptación ao Cambio Climático LIFE LUGO + BIODINÁMICO, unha iniciativa do Concello de Lugo apoiada economicamente pola Deputación cun compromiso financeiro de 526.220 €. O proxecto desenvólvese na zona das Gándaras e pretende o desenvolvemento biodinámico dun barrio mediante a recuperación de bosque, a implantación de zonas verdes, a edificación en madeira dun centro de divulgación, a promoción da agricultura vertical e a restauración paisaxística.

Segundo explicou a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López, “este proxecto permitirá reactivar o sector da madeira para a construción e pretende ser un referente das oportunidades do urbanismo sostible, xa que xunta desenvolvemento económico e sostenibilidade medioambiental. A nosa idea é implicar nel a toda a provincia”, manifestou.

Xornadas

No mes de xaneiro celebrarase na Escola Habanera de Guitiriz unha xornada sobre a recuperación sostible das canteiras próximas á Lagoa do Barreiro para mellorar o aproveitamento existente e darlles un valor engadido de interese turístico e ambiental.

Tamén se celebrará unha xornada informativa sobre o Decreto de Venda directa de produtos agroalimentarios, co obxectivo de xerar ideas sobre como levalo a termo de xeito que beneficie a todo o mundo, ao consumidor e ao produtor.

Balance 2015 e resultados do emprendemento sostible na zona

Os alcaldes asistentes á reunión do Órgano de Participación valoraron positivamente a memoria anual de 2015, que foi aprobada máis tarde polo Órgano Reitor. A Reserva organizou 51 actividades gratuítas do centro de interpretación Terras do Miño, nas que participaron 1309 persoas, así como outras na Casa das Ínsuas. Tamén se deu conta da colaboración co Máster Oficial en Dirección de Actividades Educativas na Natureza 2015-2016, do ciclo de conferencias Luis Asorey en colaboraicón coa Real Academia das Ciencias e a Universidade de Santiago de Compostela ou da celebración do III Campus de Emprendemento Sostible na Reserva da Biosfera.

O Campus de Emprendemento é unha iniciativa que permitiu a creación dunhas dez empresas no ámbito rural e a conseguinte fixación de poboación. Entre elas atópanse enxeñerías, hortas ecolóxicas, empresas de bioconstrución, de artesanía, de apicultura e incluso empresas de servizos educativos. A Deputada de Medioambiente e o Presidente da Deputación convidaron aos alcaldes asistentes á reunión a unha “ruta dos alcaldes para que coñezan estas iniciativas empresariais e apoien e aproveiten os recursos que dispoñen os seus concellos”. A ruta levarase a cabo o 8 de febreiro.

26 alcaldes participaron no proxecto de sinalización

Dentro das actuacións das que se dará conta mañá atópase a presentación da sinalización da Reserva da Biosfera executada dentro do Convenio de Colaboración entre o Organismo Autónomo Parques Nacionales e a Deputación de Lugo para a realización dun Proxecto Piloto en materia de sinalización nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.

O convenio finalizou o 21 de decembro e tivo un importe inicial de 33.275 €, que se distribuíu en dúas etapas. A primeira consistiu na instalación de paneis informativos da reserva e do concello en cada municipio implicado, seguindo o que marca o Manual de Sinalización das Reservas do Ministerio. Nesta etapa participaron 26 alcaldes implicados e acordouse con eles tanto a situación dos paneis informativos, dándolles a elección do panel de dimensións 1×1 m ou 1×1,5m, como o seu contido.

A segunda etapa consistiu na Sinalización de localizacións históricas, etnográficas e paisaxísticas na reserva da biosfera Os Ancares Lucenses, onde despois da realización do primeiro proxecto, se detectou un déficit significativo de ditas sinalizacións.

A participación saca nota

Na xornada valorouse moi positivamente a avaliación recibida polo Consello de Xestores da Rede Española de Reservas da Biosfera, un organismo participado polo Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente que cualifica todas as reservas da Biosfera de España en función dunha serie de indicadores. A Reserva da Biosfera Terras do Miño obtivo unha cualificación global de 75,84 puntos sobre 100, fronte á media nacional que foi de 69,74 puntos. O indicador de ‘Participación na xestión’ é no que a reserva acadou unha mellor calificación, de 100 sobre 100; seguido polo de ‘Órgano de Xestión’, cun 90 sobre 100.

A cualificación máis baixa foi a relativa á zonificación, sen embargo as actuacións que habería que realizar para mellorala non son competencia da Reserva da Biosfera, porque a zona inclúe territorios dentro da Rede Natura 2000 e a súa planificación é competencia da Administración autonómica, así como a ordenación territorial do territorio da reserva.


This site is registered on wpml.org as a development site.