A Deputación leva a Portugal os recursos turísticos das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses no Expocidades 2019



O Deputado de Turismo en funcións, Eduardo Vidal Baamonde, participou este xoves na inauguración de Expocidades 2019, a feira turística do Eixo Atlántico, que se celebra na localidade lusa de Braga do 30 de maio ao 2 de xuño e na que a Deputación conta cun stand propio ao formar parte desta entidade de colaboración transfronteiriza. No marco desta mostra, o Deputado en funcións tamén asistiu ao foro de traballo do Plan Estratéxico de Frontera no que expertos do Eixo Atlántico afondaron nas boas prácticas no eido turístico das fronteiras Europeas.

Esta mostra reúne a oferta turística dos municipios de Galicia e Norte de Portugal integrados no Eixo Atlántico co fin de promover turisticamente estes destinos nun mercado de proximidade e favorecendo deste xeito a relación directa entre axentes turísticos e comercializadores. De media, esta feira de turismo conta cuns 6.000 visitantes chegados de diferentes países de Europa.

Vidal Baamonde subliñou que “continuamos promovendo o turismo da provincia nas feiras e eventos turísticos máis relevantes do panorama turístico, dando a coñecer a enorme riqueza da nosa provincia, cunha oferta moi variada e singular. Expocidades é un escaparate idóneo para dar a coñecer a riqueza histórico-cultural, natural e gastronómica lucense no mercado portugués que continúa sendo o primeiro mercado internacional para Galicia”.

A Deputación puxo á disposición de todos os Concellos da provincia o seu stand de Expocidades para dar a coñecer e promocionar as potencialidades turísticas de toda a provincia. Nel repartirase entre os visitantes, xunto ao material de promoción turística dos concellos, os cinco novos folletos promocionais editados pola Deputación sobre os 4 xeodestinos da provincia de Lugo (A Mariña Lucense, Ribeira Sacra, Ancares Courel e Terra Chá), outro especial dedicado á gastronomía lucense, así como material promocional das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

A mostra está situada na praza da República, en pleno centro da cidade de Braga. O horario da feira será de 14:00 a 23:00 horas os días 31 e 1 e de 10:00 a 18:00 horas o día 2. A entrada é de balde. Paralelamente, haberá outras actividades como degustacións de produtos típicos de cidades, actuacións musicais e encontros turísticos para profesionais do sector. Tamén contará cun espazo para unha das últimas iniciativas do Eixo, o Foro Termal. A celebración de Expocidades comparte ademais espazo con outro evento enoturístico, o Vinho Verde Fest, o cal contribúe a dar maior visibilidade e dimensión a esta cita turística.

Presenza nas feiras e eventos turísticos máis relevantes

Neste 2019, o Goberno da Deputación participou nas feiras e eventos turísticos máis relevantes do panorama turístico nacional e autonómico para promocionar a provincia e captar máis visitantes. Concretamente, estivo presente en FITUR; no Salón Internacional de Gastronomía e Turismo-Xantar en Ourense; no Forum do Camiño de Santiago-FAIRWAY onde puxo en valor as particularidades do Camiño Norte a través dunha FAMTRIP; e en Expo-vacacións en Barakaldo.


This site is registered on wpml.org as a development site.