20 persoas aprenden no Centro de Interpretación Terras do Miño alternativas sostibles para coidar o horto



20 persoas participaron este sábado no obradoiro gratuíto Prevención e control biolóxico de pragas e enfermidades no horto, que ofrece a Deputación a través das actividades medioambientais do Río Rato. A actividade consistiu en proporcionar aos participantes nocións básicas sobre alternativas ecolóxicas para controlar as pragas ou as enfermidades do horto.

O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, subliñou que “aprender alternativas sostibles para o control de pragas ten beneficios para o medio ambiente e para a sociedade en xeral. Primeiro, polo uso de opcións ecolóxicas non contaminantes para manter a raia as pragas do horto. E en segundo lugar, porque os produtos do horto ecolóxico non levan eses contaminantes, que tamén inxerimos ao comer”.

“As actividades ambientais da Deputación teñen como obxectivo crear conciencia sobre o respecto á natureza e construír unha cidadanía responsable, pero tamén nos achegan á orixe da vida. O feito de que saibamos coidar dos nosos cultivos de forma sostible, dotándonos das capacidades necesarias para satisfacer as nosas necesidades básicas de supervivencia, como é a de alimentarnos”, destacou.

O obradoiro, impartido pola enxeñeira agrónoma e experta en produción vexetal sostible, Noelia López López, tivo unha duración de 4 horas nas que os participantes aprenderon a identificar as principais pragas e enfermidades nos cultivos do horto. A continuación recibiron información sobre como atallar estes problemas mediante a aplicación de solucións sostibles.


This site is registered on wpml.org as a development site.