20 persoas aprenderon a identificar herbas medicinas na contorna do Centro de Interpretación Terras do Miño



20 persoas participaron este sábado no obradoiro gratuíto Herbas máxicas, fabricación de ungüentos, que ofrece a Deputación a través das actividades medioambientais do Río Rato.

O obradoiro tivo unha duración de 4 horas nas que os participantes recolleron as plantas medicinais e posteriormente observáronas, realizaron secados das plantas e herbarios, e tiveron pequena introdución á fitoterapia. Por último, aprenderon a utilizar o recollido para previr, aliviar ou curar algunha patoloxía, mediante a preparación de cremas e pomadas, así como a elaboración de xabóns ou infusións.

Cada ano, centos de persoas participan de xeito totalmente gratuíto nesta programación de actividades medioambientais que ofrece a Deputación. De feito, o ano pasado, foron máis de 1.500 os veciños da provincia que se sumaron a estas actividades.

A través deste tipo de iniciativas, o Goberno busca fomentar entre a cidadanía valores relacionados coa conservación e mantemento do medio ambiente, e ao mesmo tempo que dar a coñecer o entorno natural da provincia, co fin de aprender a respectalo e coidalo.

Reserva da Biosfera Terras do Miño

A de Terras do Miño foi a primeira Reserva da Biosfera declarada en Galicia e unha das máis extensas de España. Abarca o 39% do total do territorio da provincia e inclúe 26 Concellos: Ourol, O Valadouro, Muras, Alfoz, Mondoñedo, Abadín, Xermade, Vilalba, A Pastoriza, Riotorto, Guitiriz, Cospeito, Meira, Begonte, Rábade, Castro de Rei, Outeiro de Rei, Pol, Lugo, Friol, Castroverde, Guntín, O Corgo, Baralla, O Páramo e Láncara.


This site is registered on wpml.org as a development site.