A Deputación acolle as I Xornadas Apícolas da provincia na Reserva da Biosfera Terras do Miño



Fernández Queipo inaugurou o encontro que se prolongará na xornada de mañá, sábado, para finalizar o domingo coa tradicional Feira do Mel de Lugo, na Reserva da Biosfera Terras do Miño

O Vicepresidente apuntou que “dende o Goberno da Deputación apoiamos todas aquelas iniciativas que contribúen a poñer en valor os recursos da natureza e a crear riqueza económica e social no rural. Neste senso, a produción de mel é unha actividade con potencial, xa que os prezos están en alza e hai unha gran demanda”

O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, e a Concelleira de Cidadanía, Rosana Rielo Rozas, inauguraron este venres as I Xornadas Apícolas, que organiza a Asociación Provincial Lucense de Apicultores coa colaboración do Goberno da Deputación. Estas xornadas, que comezaron hoxe e continuarán mañá, sábado, completaranse coa tradicional Feira do Mel de Lugo que se celebrará o domingo na capital luguesa.

Fernández Queipo apuntou que “dende o Goberno da Deputación apoiamos todas aquelas iniciativas que contribúen a poñer en valor os recursos da natureza e a crear riqueza económica e social no rural. Neste senso, a produción de mel é unha actividade económica con moito potencial na provincia de Lugo, e ofrece unha alternativa económica interesante para a xente nova do rural, xa que os prezos do mel están en alza a nivel mundial e hai unha gran demanda de produto.

O Vicepresidente engadiu que “neste contexto, estas xornadas ofrecen unha completa visión da apicultura, que será de utilidade para todas aquelas persoas que queiran iniciarse neste mundo, pero tamén para aquelas que contemplen a posibilidade de dar o salto da apicultura familiar a unha actividade profesional.Tamén se abordarán outros temas como a situación da vespa velutina e as últimas trampas para eliminalas e a comercialización de propóleos, da man de recoñecidos expertos na materia”.

Programación das xornadas

As xornadas arrincaron este venres ás 19.30 horas cunha charla sobre a importancia da apicultura na nosa sociedade, a cargo de Pablo Piñeiro Fraga, presidente da Asociación Provincial Lucense de Apicultores.

As charlas continúan o sábado ás 16.00 horas coa intervención dun dos principais expertos na vespa velutina de Galicia, o entomólogo Manuel Corral Andrade, que falará da situación actual da vespa invasora e das últimas técnicas en trampas e atraentes. Ás 18.00 horas, o apicultor Francisco López Devesa, de Mieles Modia, expoñerá os pasos para pasar da apicultura familiar á apicultura profesional. E finalmente, ás 19.30 horas, o apicultor Román Cid Álvarez, presidente da Asociación Abellas Nais, centrará a súa intervención na produción e comercialización de propóleos.

O domingo, terá lugar a XXVI Feira do Mel, na Praza da Soidade de Lugo de 10.00 a 17.00 horas, onde se poderán adquirir diferentes tipos de mel de Galicia. Nesta edición participarán 22 apicultores. O prezo do mel será de 8 euros o quilo e 4,50 euros, o medio quilo.


This site is registered on wpml.org as a development site.