O Goberno inicia a contratación para a xestión e mantemento dos Hortos Urbanos da Deputación na Reserva da Biosfera Terras do Miño



– Trátase dun contrato de servizos que contará coa supervisión de técnicos da Área de Medio Ambiente, que velarán polo correcto funcionamento do servizo
– López Izquierdo destacou que “co contrato, dotado con 142.000 euros para 24 meses, buscamos mellorar o servizo e facelo máis eficiente, eficaz e participativo”
– Son un total de 10.000 m2 de finca os que o Goberno da Deputación pon a disposición dos veciños con 3 fincas no Rato e unha en Paradai

A vicevoceira do Executivo Provincial, Sonsoles López Izquierdo, informou este venres que a Xunta de Goberno aprobou iniciar a contratación da xestión e dinamización dos Hortos Urbanos da Deputación no Paseo do Río Rato e na zona de Paradai na Reserva da Biosfera Terras do Miño. É un investimento de 142.000 euros correspondentes aos anos 2017, 2018 e 2019. A duración do mesmo é de 24 meses.

López Izquierdo destacou que “con este novo proxecto de remodelación integral dos hortos, que leva o nome de Os agros do Rato e Paradai, dende o Goberno da Deputación damos un paso máis para mellorar este servizo e facelo máis eficiente e eficaz. Son un total de 10.000 m2 de finca os que o Goberno da Deputación pon a disposición dos veciños con 3 fincas no Rato, de 9.500m2, e unha en Paradai, de 500 m2”.

A vicevoceira lembrou que, durante estes últimos 3 meses, o control e mantemento dos hortos dependeu directamente de traballadores provinciais, polo que en ningún momento os usuarios do hortos da Deputación tiveron que paralizar a súa actividade.

“Logo de ter aprobado o investimento, iniciaremos o proceso no que as empresas interesadas en participar neste concurso público presenten as súas ofertas. Deste xeito, contamos coa previsión de poder resolver este contrato en dous meses, é dicir, cara o mes de maio”.

Obrigas da empresa
Dentro do prego, contémplase que a empresa deberá pór a disposición un xardineiro e un técnico agrícola para dar servizo aos usuarios de xeito permanente, tanto en asesoramento e mantemento. Serán tamén os encargados de ofrecer accións formativas concretas que estableceremos nunha xuntanza cos beneficiarios dos hortos.
“Primaremos tamén, tal e como facemos en todos os contratos da Deputación, melloras salariais en relación aos Convenios profesionais; así como o aumento no número do persoal”, destacou López Izquierdo.

Cómpre subliñar que aínda que empresa será a encargada de manter os hortos e atender aos beneficiarios, o Goberno da Deputación de Lugo, concretamente a área de Medio Ambiente, velará polo correcto funcionamento deste servizo, podendo incluso rescindir o contrato se fose necesario.

Os agros do Rato e Paradai
A vicevoceira do Goberno informou das fases do proxecto Os agros do Rato e Paradai co que a Deputación busca conducir os hortos cara unha xestión e produción familiar ecolóxica, tendo como obxectivo garantir que os hortos perduren no tempo, facendo partícipes aos beneficiarios do hortos. Este proxecto ten 3 fases:

1.- Realización de obras de mellora nos hortos “que non poderemos iniciar ata que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o autorice. Como sabedes, teñen un prazo de resposta máxima 6 meses polo que esta parte do proxecto se poderá iniciar, previsiblemente, a finais de ano”.

2.- A creación dun regulamento de boas prácticas para os usuarios dos hortos, “no que estamos a traballar e no que introduciremos tamén as peticións dos usuarios, das que vos darei conta máis adiante”.

Nel contémplanse aspectos como o modelo de solicitude, dereito e deberes dos usuarios dos hortos, duración do contrato e as prohibicións, entre outros. Logo de ter resolta a empresa adxudicataria, manteranse encontros cos usuarios para rematar o texto.

3.- Establecer un “Consello dos Hortos” participativo “no que se incluirá a empresa adxudicataria, Deputación e, como non podía ser doutro xeito, aos beneficiarios dos hortos, co fin de atender as súas necesidades e facelos participes. Pódovos avanzar que, por exemplo, reorganizaremos as divisións das 3 parcelas do Río Rato para conseguir un total de 173 hortos; así como as de Paradai, para obter 40”.

Dende o momento da adxudicación do contrato, a empresa comezará a ofrecer o servizo de atención, xestión e mantemento diario dos hortos tal e como se atopan actualmente ata que se reciba o visto e prace da Confederación para executar as obras nos hortos.

Consultas aos beneficiarios
No proxecto definitivo de remodelación, que se executará previsiblemente a finais de ano, incluiranse as peticións que trasladaron os usuarios dos hortos a través das entrevistas telefónicas e as enquisas elaboradas por técnicos provinciais. En total, foron preto de 120 as enquisas realizadas.

Algunhas das conclusións obtidas grazas a dito cuestionario son que o 100% dos usuarios son veciños que ven este servizo como unha actividade de lecer; o 90% dos usuarios están de acordo coa extensión de cada un dos hortos e que a maioría dos usuarios dos hortos son veciños traballadores por conta allea, xubilados e tamén desempregados.

En relación ás actividades nas que solicitan máis información, e tamén formación, son por orde: sistemas de rego; poda de arbores; mantemento do solo e zonas comúns; control e uso de plaguicidas; ou compostaxe. Ademais, tamén trasladaron a necesidade de afondar en aspectos como roubos nos hortos, dotar de maior seguridade ás zonas ou establecer novas instalacións e puntos de recollida de residuos.


This site is registered on wpml.org as a development site.