Os beneficiarios dos hortos da Deputación participaron no 2º faladoiro do ano, que tratou sobre o abonado orgánico



O segundo faladoiro do ano O abonado orgánico e as emendas nas terras de cultivo, para os usuarios dos hortos da Deputación, celebrouse este xoves no Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no paseo do Río Rato na capital luguesa. O encontro está enmarcado dentro do programa de formación de hortos urbanos posto en marcha polo Executivo Provincial. Este plan formativo para os máis de 100 usuarios que desfrutan dos terreos que a Deputación dispón nas zonas do Rato e Paradai, ten como obxectivo fomentar o interese pola agricultura ecolóxica e o respecto polo medio ambiente entre a veciñanza.

As sesións, 5 en total, que continuarán a celebrarse ata o mes de xuño, estarán directamente relacionadas cos coidados dos cultivos e tratarán sobre diversos temas, tales como o abonado orgánico, a planificación do horto ou o tratamento preventivo e ecolóxico de pragas. Ademais, haberá tamén outros cinco encontros para demostracións prácticas nas que se tomarán mostras do solo, ou se achegará aos asistentes ao cultivo mecanizado de parcelas, así como á identificación de pragas ou o uso da auga de rega.

Os hortos urbanos da Deputación levan funcionando desde o ano 2006. Estes terreos son utilizados para realizar actividades físicas e mentais en contacto coa natureza, fomentar a participación cidadá e un desenvolvemento sostible, así como promover boas prácticas agrarias, unha alimentación e hábitos de vida saudables; e introducir a horticultura didáctica de cara á comunidade educativa.


This site is registered on wpml.org as a development site.