Seis expertos analizan as posibilidades de aproveitamento da resina nunha xornada de balde promovida polas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses



O Executivo Provincial xunto coas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses, organizou unha xornada sobre a extracción de resina para dar a coñecer, a través da experiencia de expertos na materia, as posibilidades desta actividade económica no rural lugués

O Vicepresidente destacou que a produción de resina ten un grande potencial na provincia de Lugo e que supón unha posta en valor dos recursos da natureza

O Vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, inaugurou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a xornada Posibilidades do aproveitamento resineiro, que reuniu a seis expertos na xestión forestal e a produción de resina. A xornada desenvolveuse en horario de mañá e tarde e congregou a medio centenar de persoas asistentes.

Fernández Queipo sinalou que “para o Goberno da Deputación é unha satisfacción apoiar actos coma este, que poñen en valor os recursos da natureza e dan a coñecer aproveitamentos forestais alternativos, que supoñen novas oportunidades de emprego no rural”. E destacou que o sector resineiro ten un grande potencial en Lugo.

“Ademais, tal e como explicarán os expertos hoxe, a produción de resina trae beneficios máis alá da venda do produto á industria transformadora”, explicou Fernández Queipo, “xa que, ao mesmo tempo, permite manter o monte limpo e contribuír a evitar os incendios”.

Programación da xornada
A programación iniciouse coa intervención de Alejandro Rogero del Río, xerente de Rincón de la Vega, que explicou as diferentes normativas que afectan á extracción de resina. A continuación, Juan Carlos Álvarez Cabrero, da Asociación Nacional para a Vertebración e Defensa do Sector Resineiro, expuxo a situación do sector en España o seu potencial como motor de desenvolvemento rural. E Gregorio Luis Cazurro, da Sociedad de Resinas Naturales, centrou a súa presentación na adaptación dos montes galegos á resinación. Finalmente, a sesión da mañá pechouse cunha mesa redonda.

A xornada continuou ás 16.00 horas coa intervención de Manuel Francisco Marey, da Universidade de Santiago de Compostela, que falou do futuro do sector forestal galego e da necesidade de novas alternativas. A continuación participaron Érika Martínez, de Letme Soluciones, e Manuel Guaita Fernández, que falaron do aproveitamento resineiro como actividade para valorizar o sector forestal e o papel da madeira de coníferas e o seu papel na economía circular. Unha mesa redonda moderada por Fernández Reija puxo o colofón ao evento.


This site is registered on wpml.org as a development site.