A Reserva da Biosfera, unha das de maior extensión da Península Ibérica, abarca toda a Cunca Alta do Miño, tendo a este río e aos distintos afluentes como fíos condutores.
Con altitudes que varían entre os 100 e os 1.200 m, alberga algúns dos mellores exemplos de ecosistemas naturais e agrosistemas tradicionais da rexión Atlántica Europea.
As paisaxes do Miño e da Serra do Xistral son os eixes que atesouran os ecosistemas máis valiosos: fragas, insuas nos ríos e queirogais.
O corazón destas terras é a meseta da Terra Chá coas súas características paisaxes agrícolas e singulares humedais, como a Lagoa de Cospeito, Lagoa do Rei, Lagoas de Riocaldo ou a Charca de Alligal.
PATRIMONIO
NATURAL E CULTURAL
PAISAXES DE AUGA E MONTAÑA
PATRIMONIO NATURAL
A área montañosa setentrional (ZEC Serra do Xistral) alberga unha importante superficie de humidais de montaña conformada por queirogais húmidos, turbeiras altas e turbeiras de cobertor. As turbeiras de cobertor da Serra do Xistral, consideradas como hábitat prioritario, son as únicas representacións deste tipo peculiar de turbeiras presentes na Península Ibérica. Estes humidais de montaña albergan unha rica e rara flora de briófitos, plantas superiores e comunidades de invertebrados.
A Reserva alberga unha boa representación de bosques climácicos conformados por diversos tipos de carballeiras (Quercus robur, Quercus pyrenaica), cunha gran diversidade de especies vasculares.
Os tramos fluviais que percorren as áreas de menor altura mostran probablemente a mellor representación de bosques aluviais e de galería do Norte da Península Atlántica. Algúns dos bosques de ribeira posúen máis de 60 especies características de ambientes nemorais. En consecuencia, os leitos fluviais albergan unha rica e nutrida diversidade de especies, tanto de bivalvos (Margaritifera, Unio, Anodonta), como de plantas vasculares (Isoetes, Luronium) ou de vertebrados (Lutra).
Nos distintos ecosistemas, e fundamentalmente nos humidais, atópase un importante número de especies protexidas polas Directiva Aves e Hábitat, así como especies incluídas no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas e no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. O territorio é ademais o límite de distribución occidental de numerosas especies. Entre elas cabe destacar Fagus sylvatica.
Lagoa de Cospeito e Cabalos na Serra do Xistral
Muralla Romana de Lugo e Castro de Viladonga
PATRIMONIO HISTÓRICO
Dentro deste amplo período, os xacementos da Reserva adquiren unha gran relevancia a nivel do NW Ibérico ao ser os únicos rexistros para determinados períodos do Pleistoceno, como é o caso dos niveis pleistocenos (50- 40.000 años) da Cova da Valiña, ou os niveis do final do Tardiglaciar de Peña Grande. Coa adopción da agricultura e da gandeiría no territorio (fai 6.000 años), increméntase progresivamente o número de xacementos arqueolóxicos, ben de carácter funerario (medoñas), ou en períodos máis recentes de poboados fortificados ou castros, como o Castro de Viladonga.
En relación coa ocupación romana destaca a muralla romana que rodea o centro da cidade de Lugo (única do mundo que se conserva enteira), así como as termas romanas, cuxos restos son visibles no interior do actual balneario.
A UNESCO recoñeceu como Patrimonio da Humanidade o Camiño de Santiago (Camiño do Norte e Primitivo) no ano 1995, que discorre pola Reserva, así como a Muralla Romana de Lugo, no año 2000, e as Catedrais de Lugo e Mondoñedo (no ano 2015). Tamén declarou como patrimonio cultural inmaterial os muros construídos coa pedra en seco (sen masa de unión ou asentamento).
PATRIMONIO ETNOGRÁFICO
Por outra parte, a biodiversidade cultural, tomando como eixe unificador os cursos de auga, descobre diversos elementos e usos asociados a eles entre os que figuran os seguintes:
- Caneiros, son pequenas construcións artesanais datadas na Idade Media.
- Artes de pesca adaptadas ás especies e condicións particulares dos ríos, entre ellas cabe destacar os redotes, trasmallos, rateles. Existe unha boa mostra destas artes no Centro de Interpretación Terras do Miño (Lugo).
- Muíños e mazos, destacando o Mazo de Santa Comba (Lugo).
- Ferrerías e fraguas.
- Batuxos, pequenas embarcacións tradicionais empregadas como medio de paso entre beiras, logotipo da Reserva da Biosfera.
O patrimonio inmaterial é igualmente importante, aínda que escasamente estudiado. Podéndose destacar a rica e pouco estudada toponimia do territorio, as numerosas lendas de tradición oral, os festexos tradicionais, os oficios tradicionais da zona como os oleiros, canteiros, ferreiros, carpinteiros, serranchíns, fiandeiras, tecedeiras, afiadores, feirantes, seitureiros, curtidores, zapateiros, telleiros e muiñeiros en moitos dos cales pódese observar a influencia da colonia xudía presente no territorio.
Batuxo (foto de Manuel Valcárcel) e Olería de Bonxe
Feira dos Grelos (Abadín) e Museo das zocas (Muimenta, Cospeito)
ACTIVIDADES TRADICIONAIS
Estas producións, de carácter local e artesanal, derivan na existencia de numerosos produtos de calidade diferenciada, avaladas con DOP relativas aos tipos de queixo (“San Simón da Costa”, “Tetilla”, “Cebreiro”), así como un conxunto de IXP, entre as que destacan “Ternera Gallega”, “Faba de Lourenzá”, “Grelos de Galicia”, “Patata de Galicia” ou “Tarta de Santiago”, entre outras.
Este traballo foi financiado íntegramente polos fondos Next Generation da Unión Europea a través da subvención convocada pola Xunta de Galicia “Axudas para actuacións por parte dos órganos de xestión das reservas da biosfera de Galicia con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, para os anos 2022 e 2023”. Con todo, os puntos de vista e as opinións expresadas son unicamente os do autor ou autores e non reflicten necesariamente os da Unión Europea ou a Comisión Europea. Nin a Unión Europea nin a Comisión Europea son responsables delas.